Mas recoñece que Catalunya 'quere ser un estado'

O presidente da Generalitat mantén a súa reunión con Rajoy para o 20 de setembro e recibirá estes días representantes da Assemblea Nacional Catalana (ANC).

A agardada comparecencia do presidente da Generalitat despois da marcha masiva de onte clarificou algo máis a súa ambigua postura anterior diante das peticións soberanistas expresadas na rúa pola 'Diada' nacional. Un sinal: recibiu os medios de comunicación coa bandeira catalá e a europea, a diferenza doutras ocasións onde só presentaba a primeira. Despois de celebrar o “enorme éxito” da manifestación de onte apuntou que “non se pode minimizar o éxito transcendente e enorme” mais “sen dramatismos”. Mantivo que segue en pé a reunión con Rajoy para o día 20 de setembro e que seguirá a súa propia folla de ruta. “Temos grandes maiorías mais isto aínda ten que medrar”, asegurou. Non quixo responder as preguntas d@s xornalistas sobre a posíbel reacción negativa do mandatario español.

Mas non quixo confirmar a posibilidade dun referendo vinculante, unha das peticións da ANC

A incognita dun estado independente
“Non será doado”, asegurou diante dos medios de comunicación, “quedou claro que Catalunya é unha nación que para poder seguir sendo ela propia pide ser un estado”. Non quixo confirmar a posibilidade dun referendo vinculante, unha das peticións da ANC e da marcha celebrada onte. No seu lugar recolleu a reivindicación de chegar a un pacto fiscal co Estado español.