O Parlamento catalán aproba convocar un referendo

Parlamento de Catalunya
Cos votos a favor de CiU, ERC, ICV-EUiA, Solidaritat, Democracia Catalana e Ernest Maragall, a abstención do PSC e os votos en contra de Ciutadans e o PP manifestouse favorábel a unha consulta popular pola autodeterminación para a vindeira lexislatura que comezará o 25-N.

Hoxe Barcelona viviu outra xornada histórica, desta vez no Parlamento catalán. Foron 84 votos a favor, 25 abstencións e 21 en contra. Unha ampla maioría de deputadas e deputados, @s que forman parte dos partidos políticos ERC, CiU, ICV-EUiA, Solidaritat e Democracia Catalana, votaron a favor dunha resolución que insta ao goberno que sairá das eleccións do 25-N a que convoque un referendo pola autodeterminación. Na votación o PSC abstívose, a excepción de Ernest Maragall que votou a favor, e os votos en contra viñeron de parte de Ciutadans e o PP.

Deste xeito o Parlamento cumpre unha das peticións que lle fixo chegar a Assamblea Nacional Catalana (ANC) o pasado 11 de setembro ao remate da marcha multitudinaria pola independencia que se celebrou en Barcelona.

O Parlamento cumpre unha das peticións que lle fixo chegar a Assamblea Nacional Catalana o pasado 11 de setembro

A resolución aprobada
O texto felicitábase do "enorme éxito acadado na masiva manifestación do pasado 11 de setembro polas rúas de Barcelona, baixo lema "Catalunya novo Estado de Europa". A institución catalá constata que "ao longo destes últimos trinta anos, unha parte moi importante do catalanismo se comprometeu a fondo coa transformación do Estado español para poder encaixar sen ter que renunciar ás nosas lexítimas aspiracións nacionais, á nosa vontade de autogoberno, nin á nosa continuidade como nación". No texto asegúrase que estes intentos son "unha vía sen percorrido, Catalunya ten que iniciar a súa transición nacional baseada no dereito a decidir".

O Parlamento catalán propón, despois de constatar a necesidade do pobo catalán de decidir libre e democraticamente o seu futuro colectivo “como única vía que garanta o progreso social, o desenvolvemento económico, o fortalecemento democrático e o fomento da cultura e a lingua propias".

Por último, para sentar as bases da folla de ruta do proceso, o Parlamento "insta ao Goberno da Generalitat e ás forzas políticas e os axentes sociais e económicos a impulsar o máximo consenso posíbel para levar adiante este proceso democrático (...) co diálogo coa comunidade internacional, a UE e o goberno español, para que a cidadanía de Catalunya poda determinar nun marco de plena liberdade, respecto ao pluralismo, fomento do debate e a convivencia democrática e sen coaccións de ningún tipo".