2.000 sinaturas para conectar o Barbanza: Galiza Nova reclama un "servizo de transporte público digno" para a mocidade

Integrantes do BNG e de Galiza Nova esta terza feira no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

Solicitan a Monbus e á Xunta da Galiza creación dunha liña de autobús que conecte os concellos do Barbanza coa estación de tren de Catoira (O Salnés).

Integrantes de Galiza Nova —a organización xuvenil do BNG— na comarca do Barbanza rexistraron esta terza feira no Parlamento galego as case dúas mil sinaturas recollidas durante o mes de agosto a través da campaña “Queremos mobilidade para a nosa mocidade”. Estiveron acompañados dos deputados do BNG na cámara Rosana Pérez e Paulo Ríos, así como da Secretaria Xeral de Galiza Nova, Marta Gómez.

“Con esta campaña de recollida de sinaturas percorremos os concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo para exixir a Monbus e á Xunta da Galiza a posta en marcha, así como tamén a súa inclusión na vindeira licitación do servizo, dunha liña de bus que conecte a nosa comarca coa estación de ferrocarril de Catoira”, sinalaron os integrantes de Galiza Nova.

A proposta da organización xuvenil do BNG consiste na creación dunha liña de reforzo nas fins de semana, facendo o percorrido Catoira-Ribeira nas sextas feiras, cun horario que se axuste ao das liñas ferroviarias para que a mocidade poida ir e volver as fins de semana aos seus lugares de estudo “sen depender de ninguén”.

A proposta das mozas inclúe paradas en Ribeira (estación de autobuses), A Pobra do Caramiñal (estación de autobuses), Boiro (praza do Concello) e Rianxo (parada Setefogas) até Catoira (estación de ferrocarril). “Incidimos en que é unha proposta para dar inicio a unha liña de bus inexistente agora mesmo, atendendo unha necesidade que vemos que ten a mocidade da nosa comarca”, sinalan dende a organización.

Esta terza feira, tras case un mes recollendo sinaturas, rexistraron no Parlamento da Galiza ás perto de 2.000 colleitadas durante a campaña. Fixérono acompañados de Paulo Ríos e Rosana Pérez, deputados do BNG na cámara, que xa avanzaron que rexistrarán unha iniciativa para poder levar a proposta a debate no Parlamento galego. Ademais, as mozas e mozos de Galiza Nova Barbanza tamén rexistrarán mocións nos catro concellos da comarca para incidir na presión institucional e irán avanzando outras accións e actividades no marco desta campaña.

Desde a organización xuvenil do BNG tamén agradecen á veciñanza da comarca o apoio recibido nestas semanas. “Queremos agradecer aos centos de veciñas e veciños que se achegaron ás diversas mesas para apoiar este proxecto e que avogan por un país e un Barbanza máis e mellor conectado. Nós só queremos movernos con autonomía e total liberdade polo país e dispor dun transporte público, sostíbel e de calidade. Agardamos que o Partido Popular non faga coma sempre e atenda ás nosas demandas”, sentenciaron.