A participación na Galiza ás 14 horas cae en máis de 6 puntos respecto ás europeas de 2019, que coincidiran coas municipais

Participación na Galiza ás 14 horas (Imaxe: Interior)
Ás 14 horas, a participación provisional era de 26,5%. Por cidades, a más alta deuse en Compostela e a máis baixa en Lugo.

Ás 14 horas a participación electoral na Galiza - datos provisionais do Ministerio de Interior- foi de 26,5%, o que supón seis puntos menos que a que se rexistrou nas anteriores eleccións europeas. Daquela, 2019, os comicios coincidiran coas eleccións municipais e a participación foi de case 33%.

Este domingo, ás 14:00 horas, a participación máis alta na Galiza deuse na provincia de Ourense, con 27,9%. A seguir está a de Pontevedra, con 26,7%; A Coruña con 26,1% e por último Lugo, onde a asistencia ás urnas foi de 25,5%. A esa hora, na Galiza votaran 587.269 persoas.

Con todo, se se compara o dato de hoxe na Galiza co de 2014, cando igual que este ano se realizaron eleccións europeas de maneira separada, a participación subiu un 5,58%, fronte ao 20,89% de hai unha década.

Por cidades

A participación nas sete principais cidades galegas supera a media galega en todas elas agás en Lugo. A que ten a porcentaxe máis alta de asistencia ás 14 horas son Compostela e Pontevedra, con 28,4% e 28,2% respectivamente.

Na Coruña a participación foi de 27,9%, en Vigo de 27,89% e en Ferrol de 27,8%. Completan a listaxe Ourense (27,7% de participación) e Lugo, con 25,9%.

Estado

En todo o Estado, a participación ás 14:00 horas situouse por riba do dato galego, en 28%. Son case sete puntos menos que nas de 2019, cando foi do 34,74% a esa mesma hora, pero catro máis que nas de 2014.

Por comunidades, onde se rexistrou unha maior participación foi no País Valencià (33,1%) e Madrid (32%), mentres que á cola sitúanse Ceuta e Melilla, que non atinxen 17%.