Cinco chaves sobre as eleccións europeas de hoxe

Máis de 360 millóns de cidadáns na Unión Europea, entre eles 2,7 millóns de persoas na Galiza, están chamadas a elixir, desde o 6 e até hoxe, 9 de xuño, as 720 integrantes que conformarán durante os próximos cinco anos o Europarlamento
Un home vota nun colexio electoral da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Votación hoxe, domingo 9 de xuño, no colexio electoral de Novo Mesoiro, na Coruña (Foto: Nós Diario)

1) Son as décimas elección ao Parlamento europeo e mudaron moitas cousas. As primeiras eleccións europeas tiveron lugar en 1979 por sufraxio universal directo. Antes desa data, os deputados e deputadas ao Parlamento Europeo eran designados polos diferentes parlamentos dos estados membros. Desde a primeira celebración, as eleccións convócanse cada cinco anos.

2) Non sempre se elixe o mesmo número de deputadas. Este 9-X elíxense 720 eurodeputados dos 27 Estados membros que compoñen a Unión Europea. Máis de 360 millóns de persoas teñen dereito a voto nestas elección. Vanse elixir 720 eurodeputados e europdeputadas. O número de europarlamentarios que elixe cada estado acórdase antes das eleccións.

Para realizar a repartición, recórrese ao principio de proporcionalidade decrecente, polo que cada eurodeputado dun estado grande representa máis persoas que un dun estado pequeno. Con todo, hai un mínimo (6: Malta, Chipre e Luxemburgo) e un máximo (96, Alemaña) de eurodeputados por estado. O Estado español elixirá un total de 61 representantes, dous máis que na pasada lexislatura. Ás eleccións preséntanse partidos nacionais, pero, unha vez elixidos, a maioría opta por integrarse en grupos políticos transnacionales. 

3) Catro días de votacións. Para o Parlamento europeo estabelecéronse 4 días de votación, desde a pasada quinta feira, día 6, até hoxe domingo, día 9, xornada na que se vota na mayoría dos estados. En Italia, por exemplo, vótase durante dous días, o 8 e o 9 de xuño, República Checa faino o 7 e 8. Países Baixos foi o máis madrugaror, 6 de xuño. Irlanda votou esta sexta feira, día 7, mentres que Letonia, Malta e Eslovaquia fixérono onte, sábado.

4) Nas Eleccións ao Parlamento Europeo existe unha única circunscrición a nivel estatal, a diferenza das autonómicas ou estatais, nas que as provincias son no Estado español son as que marcan as divisións territoriais. Deste xeito, existe tan só unha lista única de candidatos para todo o estado español. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou o 14 de maio a listaxe definitiva coas 33 candidaturas proclamadas para as eleccións europeas do vindeiro 9 de xuño. Logo do exame feito pola Xunta Electoral Central, das 39 listas inicias resultaron proclamadas un total de 33, seis menos das inicialmente presentadas.

5) Máis de 2,7 millóns de galegos e galegas están chamadas a votar este domingo, 109.000 por primeira vez. Máis de 7.000 axentes velarán este domingo, día 9, pola seguridade dos comicios ao Parlamento Europeo na Galiza, nunha xornada na que están chamadas a votar 2.702.442 persoas no conxunto do país. Habilitaranse até 2.337 colexios electorais nos que está previsto que se abran 3.922 mesas de votación. A nivel loxístico, as mesas serán xestionadas por 11.766 persoas elixidas por sorteo e asesoradas por 2.858 representantes da Administración. Respecto ao voto por correo, cuxo prazo finalizou esta sexta feira, día 7, houbo 36.205 solicitudes na Galiza.

Comentarios