Así pasan a xornada de reflexión os candidatos e candidata nas eleccións europeas

Millán Mon paseou por Pontevedra; Ana Miranda estivo no barrio vigués de Bouzas antes de se desprazar até Cuntis e Nicolás González Casares escolleu Lalín para pasar este sábado.

Os tres viven a xornada de reflexión coa familia e amizadas e chaman a ir votar o domingo

Sen titulo
photo_camera Millán Mon, Ana Miranda, Nicolás Casares

Os candidatos galegos do PP ao Parlamento Europeo Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez dedicaron a xornada de reflexión a agradecer o apoio recibido polo partido na campaña electoral e a estar coas súas familias.

Deste modo, segundo informou o PP nun comunicado, Millán Mon aproveitou para realizar un paseo polo centro de Pontevedra, a súa cidade, e tomar un aperitivo en compañía do seu irmán e a súa cuñada. Pola súa parte, Adrián Vázquez almorzou con interventores e apoderados do PP da Coruña no Hotel Attica 21 da cidade herculina.

Miranda, entre Bouzas (Vigo) e Cuntis

A eurodeputada e candidata do BNG, Ana Miranda, fixo un chamamento á participación nas eleccións europeas de mañá domingo, día 9 de xuño, ao asegurar que " se deciden temas fundamentais para a Galiza” "É moi importante ir votar porque se deciden cousas para comer, que producir, onde vivir, como comunicarnos como o resto do mundo e tamén se decide paz ou guerra", manifestou.

Ana Miranda instou o pobo galego a mobilizarse de forma masiva e a dar unha "lección de democracia" para decidir a quen quere enviar a Bruxelas.

A candidata nacionalista fixoestas declaracións desde o barrio vigués de Bouzas, onde pasa parte da xornada electoral xunto á súa filla, amigos e veciños. Miranda pasará a tarde en Cuntis, onde visitará o cemiterio no que están enterrados os seus pais, coa súa filla e amigos.

Casares, familia e deporte

O eurodeputado do PSdeG e candidato ao Parlamento europeo, Nicolás González Casares, aproveitou a xornada electoral para pasar o día coa súa familia e amigos por Lalín (Deza).

En declaracións aos medios, o socialista destacou que este sábado aproveitou para "gozar da familia" e saír a tomar algo cos amigos pola capital do Deza e "facer o que non puido facer durante a campaña electoral".

Nicolás González Casares, que na mañá deste sábado asistiu á presentación do libro 'Mamá sorrí sempre' de Ana Cela Neira, aproveitará a tarde para saír a facer deporte.

Comentarios