Eleccións Europeas 9-X

Cruzamento de acusacións de xenofobia e racismo no debate das europeas ao falar de inmigración

PSOE, Sumar e Podemos cargan contra a xenofobia de Vox mentres PP e Ciudadanos defenden unha "inmigración ordenada".
Oihane Agirregoitia (CEUS), Irene Montero (Podemos), Jordi Cañas (Ciudadanos), Xabier Fortes (presentador de TVE), Teresa Ribera (PSOE), Diana Riba (Agora Repúblicas), Dolors Montserrat (PP), Jorge Buxadé (Vox), Estrella Galán (Sumar) e Aleix Sarri (Junts). [Foto: Alberto Ortega / Europa Press]
photo_camera Oihane Agirregoitia (CEUS), Irene Montero (Podemos), Jordi Cañas (Ciudadanos), Xabier Fortes (presentador de TVE), Teresa Ribera (PSOE), Diana Riba (Agora Repúblicas), Dolors Montserrat (PP), Jorge Buxadé (Vox), Estrella Galán (Sumar) e Aleix Sarri (Junts). [Foto: Alberto Ortega / Europa Press]

As candidatas ás eleccións europeas do PSOE, Sumar e Podemos criticaron duramente, no debate organizado por RTVE na noite desta quinta feira, a linguaxe "racista e xenófoba" do cabeza de lista do ultradereitista Vox, Jorge Buxadé, quen insistiu en máis dunha ocasión en vincular a migración irregular coa criminalidade. Pola súa parte, PP e Ciudadanos incidiron en asegurar unhas "fronteiras máis seguras" e unha inmigración "legal e ordenada".

No bloque de migración no debate, a candidata de Sumar, Estrella Galán, quen foi directora xeral da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR), lamentou o pacto migratorio aprobado en Europa, que ao seu xuízo "agrava a traxedia humana", e reprochou a Buxadé as súas "mentiras e odios" contra as persoas migrantes, "con esloganes que rompen a convivencia".

O cabeza de lista de Vox tirou das subvencións que recibiu o CEAR, uns 96 millóns de euros que, dixo, "non foron para axudar" pois o 50% "foi para salarios". Ademais, volveu vincular a inmigración irregular coa criminalidade, momento no que Irene Montero (Podemos) o cualificou de racista. "Vulnera os dereitos humanos", afeou ao dirixente do partido de Santiago Abascal.

Noutro punto, a socialista Teresa Ribera compartiu as palabras de Montero ao sinalar que "non é admisíbel o ton xenófobo e racista" de Vox durante o debate. "Non é admisíbel traballar sobre a base do odio e levantamento de muros", sentenciou a vicepresidenta do Goberno español, para despois defender o pacto migratorio e o principio de solidariedade, tamén en Andalucía e Canarias, dúas comunidades que "non deben asumir por si soas" a chegada de migrantes. Aí reprochou a Dolors Montserrat (PP) que o resto das comunidades gobernadas polos populares non axuden estas dúas rexións.

Ao fío desta cuestión, Montserrat alegou que Europa "necesita unhas fronteiras máis seguras", recalcando a loita contra as mafias e co foco nunha "inmigración legal, ordenada, vinculada a un emprego e, sobre todo, integrada, que defenda os valores europeos". A candidata do PSOE tamén recriminou á popular que "copie" a Vox neste asunto, "tamén nas palabras e nos feitos".

Montserrat tamén pediu á candidata do PSOE que apoie ás Forzas e Corpo de Seguridade do Estado, mentres Ribeira exixiu ao PP unha desculpa despois de que, a xuízo da vicepresidenta, Alberto Núñez Feixoo "cuestionase" o informe da UCO na investigación do caso que afecta Begoña Gómez durante unha entrevista radiofónica.

Entre tanto, Irene Montero cargou contra o pacto europeo pola migración, insistindo na súa derrogación, para criticar despois de que o que sobra en Europa son "os fondos voitres, especuladores e as grandes corporacións estranxeiras que non saben nin onde está España".

Mais Jordi Cañas, de Ciudadanos, reprochou esta visión, insistindo en que "este país non pode acoller a todo o mundo", e mesmo reprochou que ver a situación da migración "cando vive en Galapagar" —en referencia á vivenda de Montero— é "diferente" a cando se está nun barrio obreiro.

A este respecto, a candidata de Agora Repúblicas, Diana Riba, afeou as palabras de Cañas ao ironizar que El Born de Barcelona sexa un barrio traballador, ao que o representante de C's lle espetou: "Teño eu máis migrantes na porta da miña casa que ti na túa, seguro".

E non foi ese o único choque do bloque que protagonizou a candidata de Agora Repúblicas. Riba afeou que a Unión Europea "regale 400 millóns" a países como Marrocos ou Mauritania para que "fagan eles" as vulneracións de dereitos humanos, e meteu no mesmo saco PP e Vox con Junts, sinalando que tamén defende "seleccionar migrantes".

Dito isto, Aleix Sarri, de Junts, exixiu unha rectificación e unhas desculpas, á vez que subliñou despois que Catalunya debe poder controlar a migración como fan outros estados da Unión Europea. "Ao Govern catalán parece que lle dá medo ter estas competencias. Somos independentistas e queremos que todas as competencias sexan xestionadas por e desde Catalunya", resolveu.

Palestina

Sumar e Podemos aproveitaron o debate para para se referiren ao conflito en Palestina e denunciaren o que consideran un xenocidio por parte de Israel, e a candidata dos morados retou a socialista Teresa Ribera a que "recoñeza" ese xenocidio, pero a vicepresidenta declinou o envite. Así mesmo, Montero recriminoulle que o Goberno español anunciase na mañá desta quinta feira que se suma á demanda presentada por Suráfrica ante a Corte Internacional de Xustiza contra Israel por presunta violación da Convención contra o Xenocidio e que "esa alegría" que sentiu "moita xente" quedou transformada en "dous minutos exactos" en "rabia e desesperación" na rolda de prensa do ministro de Exteriores, José Manuel Albares, que ao seu xuízo dixo "cousas inaceptábeis" como que "España non toma partido". "Di manterse neutral entre un Estado xenocida e un pobo masacrado", lamentou.

Ao seu xuízo, as decisións que está a tomar Europa sobre a guerra "si están a romper os principais consensos europeos que teñen que ver coa paz, co antifascismo e co benestar dos pobos", manifestou, preguntándose ao mesmo tempo que, "se Europa non é capaz de construír paz e sobre todo de acabar co xenocidio en Palestina, para que serve Europa?".

Ao fío, Montero apelou de novo a Ribera preguntándolle de forma directa que se o Estado español non vai á Corte Internacional para "acusar o xenocida Netanyahu" de xenocidio, "para que narices vai?". "Que ata o Goberno co Estado xenocida de Israel para non romper relacións diplomáticas e comerciais cando por moito menos rompémolas con Arxentina?", insistiu.

Foi neste punto cando a candidata da formación violeta interpelou Ribera para que recoñeza que o que está a facer Israel a Palestina é "un xenocidio", algo ao que a socialista declinou responder de forma directa, aínda que sostivo que o "asunto do xenocidio" está no debate e que por iso Moncloa decidiu sumarse a Suráfrica. "Estamos no lado correcto da historia", limitouse a dicir.

A candidata de Sumar, Estrella Galán, arrincou a súa intervención pedindo ás forzas políticas presentes no debate de RTVE que fagan unha condena firme e determinante polo "xenocidio" que está a ocorrer en Palestina, lembrando o bombardeo que esta mesma quinta feira Israel executou nunha escola da UNRWA en Gaza e que deixou polo menos 40 mortos.

Comentarios