O Goberno español súmase á querela de Suráfrica contra Israel por xenocidio

Albares: "Temos o compromiso de que a paz regrese a Oriente Medio, e para iso é urxente que todos apoiemos o Tribunal".
O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, esta quinta feira, en rolda de prensa. (Foto: Matias Chiofalo / Europa Press)
photo_camera O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, esta quinta feira, en rolda de prensa. (Foto: Matias Chiofalo / Europa Press)

O ministro de Exteriores español, José Manuel Albares, convocou de urxencia os medios de comunicación esta quinta feira ás 10 horas coa previsión de facer un "anuncio importante" en relación coa crise diplomática con Israel. E será un paso de calado: o Estado español sumarase ao procedemento iniciado por Suráfrica —e apoiado xa por diferentes países— no Tribunal Internacional de Xustiza contra Israel por xenocidio.

"O noso único obxectivo é pór fin á guerra. Temos o compromiso de que a paz regrese a Oriente Medio, e para iso é urxente que todos apoiemos o Tribunal. E facémolo tamén por compromiso co dereito internacional no noso desexo de apoiar o Tribunal no seu labor para fortalecer as Nacións Unidas para apoiar o seu papel como o máximo órgano xudicial do sistema", dixo Albares.

Moncloa decidiu dar este paso tras os acontecementos dos últimos días, nos que, salientou o ministro, pode observarse "que as medidas cautelares do Tribunal Internacional de Xustiza son en balde e están moi lonxe de cumprirse". Albares, con todo, evitou pronunciarse sobre se a ofensiva militar israelí constitúe un xenocidio: "Pouco importa a miña opinión persoal, o ministro de Asuntos Exteriores non está para dar as súas opinións persoais", engadiu, precisando que "a opinión institucional do Goberno de España hoxe é a intervención nesta demanda", como xa fixo tamén na formulada por Ucraína contra Rusia tras a invasión.

Á solicitude cursada por Suráfrica ante o tribunal da ONU sumáronse, alén do Estado español —o primeiro europeo en facelo—, Nicaragua, Colombia, Libia e México, e teñen previsto facelo tamén Exipto, Maldivas, Turquía, Irlanda e Bélxica, así como a propia Palestina. Pola súa parte, Israel nega estar a cometer un xenocidio en Gaza e rexeita a competencia do Tribunal Internacional nesta cuestión.

O ministro aproveitou a súa comparecencia de urxencia ante os medios para reclamar, máis unha vez, "o cesamento dos bombardeos, o cesamento do fogo, a liberación inmediata e incondicional de todos os reféns e o acceso urxente e sen restricións de axuda humanitaria á poboación civil" na Faixa de Gaza, á vez que reiterou o "apoio" do Estado español a "iniciativas de paz como a do presidente [Joe] Biden xunto a Exipto", ao tempo que trasladou a súa preocupación pola "extensión rexional" do conflito.

Tanto o Ministerio de Asuntos Exteriores como a Asesoría Xurídica Internacional levan "semanas", dixo, analizando o caso, e o seguinte paso será presentar un documento "máis breve" no que se expresa a intención do Estado español de intervir na demanda, así como outro "máis extenso" que se está terminando de redactar.

Albares lembrou que Moncloa fixo "exactamente o mesmo e polos mesmos motivos" ao sumarse á demanda presentada por Ucraína ante a Corte Internacional contra Rusia por presunto xenocidio en setembro de 2022. "Non temos dobres estándares, aplicamos os mesmos principios, buscamos os mesmos obxectivos, en Ucraína e en Gaza; a paz, a protección dos civís e o respecto do Dereito Internacional", subliñou.

Comentarios