Actos de fin de campaña en Compostela, A Coruña e Lalín

Millán Mon, Miranda e Casares aspiran a revalidar o seu actual escano en Bruxelas

Fin de campaña das eleccións europeas, uns comicios nos que están convocados a votar 360 millóns de persoas, das que 2,7 millóns residen na Galiza. Sobre a mesa, non poucos retos abertos, desde o papel que debe ter a Galiza na UE até que modelo de Unión Europea se quere nun contexto de aumento das mensaxes belicistas e tambores de medre da ultradereita
Feche de campaña de PP, BNG, PSdeG e Sumar (Foto: Nós Diario).
photo_camera Feche de campaña de PP, BNG, PSdeG e Sumar (Foto: Nós Diario).

A campaña electoral das eleccións europeas puxo o ramo na Galiza na noite desta sexta feiraEsta sexta. Feche a dúas semanas  intensas —intensas para uns comicios europeos, normalmente marcados por certo desapego, reflectido na alta abstención rexistrada nestas convocatorias— nas que o debate sobre o que a Galiza debe de ser na Unión Europea intercalouse coas disputas marcadas pola axenda mediática e política de Madrid, e todo baixo a sombra dun contexto no que avanza posicións o discurso belicista e da ultradereita. Todas as candidaturas semellaban ser conscientes de que as eleccións deste domingo non son uns comicios europeos normais. "Hai moito en xogo" foi a frase partillada en boa parte dos discursos pronunciados nestas dúas semanas por candidatos de diferentes formacións.

Votar contra Sánchez

O PP escolleu A Coruña para o seu acto de feche de campaña. Como trío protagonista, o presidente do Partido Popular galego, Alfonso Rueda; e os candidatos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez. O madrileño con raíces en Lalín (O Deza) —até a súa fichaxe polo PP en maio era un dos principais dirixentes que lle quedaban a Ciudadanos— semellou ser nesta campaña o verdadeiro candidato do PP da Galiza para o 9-X. Actos mañá e tarde coa secretaria xeral, Paula Prado, con alcaldes populares e mesmo con Alfonso Rueda, ao largo e ancho do país. Unha axenda máis completa que a dun Millán Mon que mesmo parecía querer evitar exporse, con contadas entrevistas e intervencións.

No acto da Coruña, e malia as apelacións iniciais ao importante que eran estes comicios para a Galiza, a sombra que pairaba sobre o Parrote era a do presidente español Pedro Sánchez. "Temos que responder nas urnas, con contundencia e con democracia” ao que está a pasar no Estado, pediu Alfonso Rueda. "Se estás canso das mentiras e frivolidades de Sánchez e se queres que a Galiza siga rodando e exportar o noso modelo de éxito a Europa, vota o Partido Popular”, demandou Adrián Sánchez. Horas antes, en Compostela, a secretaria xeral do PP galego xa se mostrara contundente sobre o que para este partido estaba en xogo o domingo: "Quedar na casa supón avalar a amnistía e a "lei do si é si".

No acto, Millán Mon aseverou que “esta fermosa cidade e toda a provincia poden estar tranquilas, xa que seguirei defendendo os seus intereses en Bruxelas". Mais non quixo esquecer tampouco  o presidente español: "[O domingo] hai que responder ás políticas populistas e profundamente prexudiciais de Sánchez".

Mobilizarse pola Galiza

O pavillón de Sar, en Compostela, foi o escenario elixido polo BNG para o remate da campaña. A alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín; a portavoz nacional,  Ana Pontón; a cabeza de lista, Ana Miranda, e o canddidato Bieito Lobeira foron os encargados de pór o remate a dúas semanas "intensas", con ducias de encontros, mitins e actos da formación nacionalista por toda a Galiza. En todos eles, unha mensaxe predominante, que Miranda resume en "se nós non defendemos a Galiza, non o fai ninguén". Esta sexta en Compostela Ana Pontón e Ana Miranda fixeron un chamamento a unir na papeleta do BNG o voto de "todas as persoas" que queren que "a Galiza teña unha voz propia en Bruxelas e tamén queren construír outra Europa posíbel, unha Europa social, dos pobos e que traballe pola paz".

O nacionalismo é consciente de que o 9-X os votos que se depositen nas urnas conterán unha dupla mensaxe: sobre que Galiza se quere no marco europeo mais tamén acerca de que Europa se quere . De aí que Pontón apelara a que "imos defender o país en Bruxelas, mais tamén a Europa que queremos e imos construír unha Europa antifascista, antimilitarista, social, xusta, decente e da paz". Este domingo, dixo Ana Miranda, "xogámonos que en Bruxelas se fale dos temas galegos, das preocupacións da nosa xente do mar e do agro, das persoas que non chegan a fin de mes, das que non reciben atención médica e de todas as que sofren os recortes do Goberno do Partido Popular”.

A formación nacionalista redobrou durante esta campaña electoral a idea da súa representación en Bruxelas como "escano de país", onde teñan cabida "todas as causas e todas as necesidades e preocupacións" dos galegos e das galegas.

Máis Europa

O candidato do PSdeG nas eleccións europeas escolleu a súa localidade, Lalín, para pór o broche á campaña do 9-X. Nicolás González Casares reiterou no acto o discurso que veu despregando ao longo destes 15 días e mesmo ao longo destes anos como eurodeputado: "Defender máis Europa significa defender os servizos públicos", dixo. “Queremos máis avance, máis progreso, e non retroceso”, manifestou. Con anterioridade a este acto, González estivo en Ourense e en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), nesta última acompañado do alcalde e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela. “Europa xógase moito este domingo, e a Galiza tamén”, reiterou o candidato. 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou que “o único partido que cre realmente en Europa” é o socialista, "e por iso é merecedor de gañar" fronte a unha dereita da que di que "que fomenta a división da man da ultradereita". 

"Dar voz á cidadanía"

Compostela tamén foi o lugar que escolleu Sumar Galicia para rematar a campaña. O seu candidato, Juan Díaz Villoslada, reivindicou a importancia activar no marco europeo políticas "de progreso" e que poñan a cidadanía "no centro". 

Hoxe, sábado, xornada de reflexión. Mañá, domingo, é a quenda de voto dos galegos e das galegas nuns comicios que nalgúns Estados (como Países Baixos) principiaron o día 6.

Comentarios