Eleccións Europeas 9-X

Arranca a campaña na que 2.702.000 votantes poderán elixir que Galiza queren na UE

Coa madrugada deste 24 de maio arranca a campaña das eleccións europeas do 9 de xuño, unha cita na que os galegos e as galegas están chamadas a votar nun contexto marcado a nivel europeo pola incerteza económica, a sombra da guerra na Ucraína ou o auxe de extrema dereita. Uns comicios nos que o que se vote na Galiza indicará, tamén, que papel se quere para a Galiza no seo da UE
As forzas políticas galegas comezaron a campaña das eleccións ao Parlamento Europeo. (Fotos: Arxina e Nós Diario).
photo_camera As forzas políticas galegas comezaron a campaña das eleccións ao Parlamento Europeo. (Fotos: Arxina e Nós Diario).

Un total de 2.702.424 persoas están chamadas a votar na Galiza o vindeiro 9 de xuño para participar na elección dos 61 escanos —2 máis que en 2019— que lle corresponden ao Estado español dos 705 que integran o Parlamento Europeo. Desde as anteriores europeas, hai 5 anos, houbo cambios de calado en non poucos aspectos, na Unión Europea, desde o económico e social até o político, o xeoestratéxico ou o cultural. Todo iso marca o escenario no que os galegos e as galegas terán que votar dentro de dúas semanas, cun voto que tamén indicará que papel se quere para a Galiza no seo das UE. 

O PP elixiu Pontevedra para o seu arranque de campaña, ao que deu o disparo de saída case chegando á media noite. Ausente o líder do partido na Galiza e presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi a secretaria xeral, Paula Prado, quen compartiu acto cos candidatos Francisco Millán Mon, pontevedrés que aspira a revalidar o escano, e o ex líder de Ciudadanos, o madrileño Adrián Vázquez, que concorre agora na candidatura dos populares.

PP: "O partido que máis se parece á Galiza"

O PP quere ter este 9-X a primeira posición que perdeu en 2019, cando o PSOE gañou as europeas na Galiza. Prado apelou ao "estilo Rueda" para indicar que nestes dous anos de Rueda á fronte do PP galego e da Xunta "a maquinaria do Partido Popular funcionou perfectamente nos 313 concellos galegos" e que iso deixarase notar o 9 de xuño.  Francisco Millán Mon chamou a "traballar" duro esta campaña para explicar á cidadanía o traballo que o PP desenvolveu en Bruxelas estes anos, ao tempo que apelou a votar a formación popular por ser "o partido que máis se parece a Galiza".

BNG: "Escano de país"

O BNG optou por Compostela e a súa praza de Pratarías para o seu acto de inicio de campaña, onde a candidata, Ana Miranda, estivo arroupada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín. 

A actual eurodeputada nacionalista apelou ao apoio de "todos os galegos e as galegas" que desexen ver defendidos os intereses da Galiza en Bruxelas e, ao tempo, contar cunha “voz firme na defensa dos intereses sociais”. "Seguiremos a ser a voz da Galiza na Unión Europea", indicou.

Pola súa parte, Ana Pontón incidiu no moito que se xoga a Galiza este 9-X. Ter un "escano de país" como o que representa o que ten o BNG significa, dixo, "estar alí con voz propia, libre, sen ataduras, para defender os intereses dos galegos e das galegas".

A líder nacionalista, que puxo en valor o "gran traballo" de Miranda en Bruxelas todos estes anos, dixo que o BNG é o "equipo da casa", a "única forza política que vai estar en Bruxelas para defender o que lles importa aos galegos e ás galegas”.

PSdeG: "Isto vai de crer en Europa"

O barrio vigués de Teis, e en concreto as súas escaleiras mecánicas, foi a praza elixida polo PSdeG para o arranque da campaña. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o candidato socialista ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, protagonizaron este acto, no que Casares sinalou que "ninguén ten máis forza para defender o noso país na UE que o PSdeG". O eurodeputado sinalou que estamos nunha campaña "crucial", na que cómpre activar o "voto europeísta para frear a ultradereita". Gómez Besteiro, á súa vez, sinalou que esta campaña "vai de crer en Europa. E quen cre en Europa? O PSOE".

Sumar: "A cidadanía, no centro"

Sumar Galicia iniciou a campaña na Coruña, onde o seu candidato na lista estatal ás europeas, Juan Díaz Villoslada, estivo arroupado polo portavoz da formación na Galiza, Paulo Carlos López. Villoslada afirmou que a cidadanía galega e as súas necesidades, "presentes e futuras, estarán sempre no centro do traballo" de Sumar. “Traballaremos para que os galegos e as galegas teñamos un presente mellor, e un futuro garantido”.

Nestes comicios concorren no Estado español un total de 33 candidaturas. Entre elas figura o Partido Galego, que fixo o acto de inicio de campaña na praza 8 de Marzo de Compostela.

Os actos de arranque da campaña das formacións que concorren ao 9-X non foron, porén, os únicos actos que houbo o 23 de maio. PP, BNG e PSdeG, principalmente, levan semanas desenvolvendo actos pola xeografía galega coa vista posta no 9-X.

Na mañá do 23 de maio a secretaria xeral do PP, Paula Prado, e o candidato Adrián Vázquez visitaron a feira tradicional de Curtis (As Mariñas), onde definiron o Partido Popular da Galiza omo "defensor do rural galego" e de cara ás eleccións europeas, propuxeron para o sector agrogandeiro “máis axudas e menos sectarismo ecolóxico".

Á mesma hora, o BNG realizaba un acto en Vigo coa presenza de Ana Pontón, Ana Miranda, Bieito Lobeira (nº2 da candidatura) e Xabier P. Igrexas, portavoz nacionalista en Vigo. "A única lealdade da nosa candidatura é coa xente do país”, indicou Pontón. “Fronte a un PP empeñado en enlamar o debate, no BNG falamos de pesca, do prezo do leite e de como ter un rural vivo; fronte a un PP instalado na mentira e o insulto, no BNG falamos de como recuperar o sector naval galego, de como dar futuro á xente moza”, exemplificou.

O PSdeG empezou a xornada con Gómez Besteiro e Nicolás Casares visitando a feira Navalia, en Vigo, onde incidiron no "compromiso" deste partido coa "reindustrialización da Galiza".

Axenda

Esta sexta feira, 24 de maio, é a primeira xornada oficial de campaña. O Partido Popular terá o seu acto principal en Pereiro de Aguiar (Ourense); o BNG  en Moaña (O Morrazo) e o PSdeG en Lobios (Baixa Limia).

Comentarios