33 candidaturas aspiran a conseguir representación nas eleccións europeas

Seis das 39 listaxes presentadas inicialmente non cumprían os requisitos.
Pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo. (Foto: Philippe Stirnweiss / European Par / DPA via Europa Press)
photo_camera Pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo. (Foto: Philippe Stirnweiss / European Par / DPA via Europa Press)

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou esta terza feira a listaxe definitiva coas 33 candidaturas proclamadas para as eleccións europeas do vindeiro 9 de xuño. Logo do exame feito pola Xunta Electoral Central, das 39 listas inicias resultaron proclamadas un total de 33, seis menos das inicialmente presentadas.

Entre as 33 candidaturas figuran as dos principais partidos con representación parlamentaria: PSOE, con Teresa Ribera de cabeza de lista; PP, con Dolors Montserrat; Vox, con Jorge Buxadé; Sumar —En Comú, IU, Más Madrid, Compromís e Chunta Aragonesista— con Estrella Galán; e Podemos, coa ex ministra Irene Montero como número un.

Á cabeza da lista de Ciudadanos figura o eurodeputado Jordi Cañas. Ex dirixentes do partido laranxa están detrás doutras dúas listas: Cree e Esquerda Española. ERC, Bildu e BNG repiten alianza en Agora Repúblicas, mentres que PNV e Coalición Canaria concorren como Coalición por unha Europa Solidaria (CEUS); e Junts e Lliures per Europa (Junts UE).

A España Olvidada (Existe), coalición integrada con partidos da chamada "España baleirada", formacións independentes municipais de UCIN e o partido Por un Mundo Máis Xusto (PUM+X). A candidatura está liderada polo ex deputado Tomás Guitarte (Teruel Existe).

Partido Galego

O Partido Galego anunciou que concorre ás europeas "cunha candidatura 100% galega". Afirman que “a Galiza debe contar en Europa con voz propia" e esta cuarta feira a formación presentará publicamente esta candidatura, nun acto no que participará seu secretario xeral, Miguel Míguez; e a cabeza de lista, Olga Dourado.

Comentarios