As dinámicas estatais marcarán os resultados das eleccións á Eurocámara

O Parlamento é o único órgano de elección popular da Unión Europea, onde as grandes decisións están reservadas ao Consello Europeo e á  Comisión Europea, expresións do pacto entre Estados ao que responde o proxecto comunitario. Nesta liña, explícase as limitadas competencias da Eurocámara.

mapa europa
photo_camera Número de escanos a escoller este domingo por cada Estado membro da Unión Europea. (Nós Diario).

O proceso electoral na Unión Europea (UE) rematará este domingo, tras unha campaña marcada polas dialécticas estatais e onde as lóxicas comunitarias volven ocupar un espazo marxinal. Neste contexto, as eleccións están sendo formuladas en cada un dos Estados como un referendo ás políticas dos seus Gobernos e, en moitas deles, como unha sorte de primarias para os seguintes comicios. A elección da maioría dos 720 deputados e deputadas do vindeiro Parlamento Europeo responderá a esa orientación.

As proxeccións efectuadas polas compañías demoscópicas nas pasadas semanas sitúan unha lexislatura máis como primeiro grupo da Eurocámara o Partido Popular Europeo. A formación, da que fan parte as agrupacións conservadoras e demócrata cristiáns, podería repetir un resultado similar ao actual e manterse ao redor dos 177 escanos. Porén, as súas expectativas fóronse arrefriando durante a campaña e neste momento traballa por chegar a un acordo cos grupos ultraconservadores que o permita reter a Presidencia da Comisión Europea, actualmente ostentada por Ursula von der Leyen.

As enquisas colocan a Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas como segunda forza política da Eurocámara. O grupo, integrado polos partidos socialdemócratas da UE, estaría mellorando as súas posibilidades a medida que avanza a campaña, empuxado polos resultados dos socialistas en Francia e no Estado español, nun caso e noutro por riba das súas estimacións iniciais. Ao tempo, as sondaxes colócaos como primeira forza noutros Estados que escollen menos escanos, como Portugal ou Países Baixos, o único país que xa rematou o proceso de votación e onde as enquisas a pé de urna lle outorga a vitoria.    

Os liberais en caída libre

Renovar Europa, o grupo que acolle as formacións liberais da UE, vería reducida a súa representación no Parlamento Europeo. Se na actualidade é a terceira formación da Cámara con 101 escanos, as enquisas reducen a súa representación a perto de 80, pola desaparición de Ciudadanos no Estado español, a caída do Partido Democrático Libre de Alemaña e a baixada do partido Renacemento de Emmanuel Macron que, segundo as sondaxes, sería superado pola Agrupación Nacional de Marine Le Pen e, probabelmente, polos socialistas. A agrupación é un dos tres piares, con populares e socialistas, da maioría que sustenta a Comisión Europa de Ursula von der Leyen.

A maioría das sondaxes apuntan a que o eurogrupo conformado polos Verdes e a Alianza Libre Europea (ALE) recortarían a súa representación entre 25 e 30 escanos, o que os deixaría na Eurocámara nunha faixa de 51 ou 66 representantes. Neste caso, o groso da baixada afectaría ás formacións dos Verdes, que serían castigados polo electorado de Alemaña e Francia, onde veñen logrando a metade da súa representación na Eurocamára. Pola súa banda, a Alianza Libre Europea, coalición que aglutina unha serie de organizacións nacionalistas e onde se integra o BNG ou ERC, manteríase nuns niveis semellantes aos actuais, onde suma sete actas.

As sondaxes outorgan ao grupo Identidade e Democracia un aumento na súa representación, malia a exclusión do mesmo de Alternativa para Alemaña que na actual lexislatura achegaba ao grupo 9 dos 73 escanos e que as enquisas colocan como segunda forza do seu país. A súa suba veríase favorecida pola alza da Agrupación Nacional de Marine Le Pen, que as sondaxes colocan como primeira forza da Francia con perto de 30% e 25 escanos e o medre do Partido pola Liberdade en Países Baixos e do Partido da Liberdade de Austria. O seu crecemento vese favorecido pola desafección das clases populares coas políticas mantidas polas diversas esquerdas en materia económica, social ou internacional.

O factor Meloni

O grupo dos Conservadores e Reformistas Europeos sería outro dos favorecidos do proceso electoral. As sondaxes prevén un aumento na representación desta agrupación ultraconservadora e chauvinista da que fai parte Vox polo empuxe do partido da primeira ministra italiana Giorgia Meloni, que se convertería na primeira forza do país e se situaría ao redor do 28% dos sufraxios. Neste contexto, o Partido Popular Europeo busca chegar a un acordo con este grupo para toda a lexislatura.

A Esquerda é a plataforma que agrupa as formacións de esquerda de definición non socialdemócrata. O grupo, o menos numeroso da Eurocámara con 39 representantes, tamén, rexistraría unha baixada, como consecuencia da caída de Syriza en Grecia e da división de Sumar entre A Esquerda e Os Verdes.

Unha das primeiras decisións que ten por diante o Parlamento Europeo é elixir por maioría absoluta á presidenta da Comisión Europea a proposta do Consello Europeo, autentico órgano de poder da Unión Europea, formado polos mandatarios dos 27 Estados membros, polo presidente do Consello Europeo e a presidenta da Comisión Europea. A Comisión Europea, que actúa como unha sorte de Executivo da UE, está integrada por 27 persoas, unha por cada un dos Estados membros, que son os que fan a proposta do seu nomeamento.

O PP e o PSOE partirían dun empate no Estado español

As sondaxes publicadas durante a campaña electoral apuntan a un empate técnico entre populares e socialistas nos comicios do vindeiro domingo no Estado, onde están en xogo 61 actas. Neste sentido, enquisas colocan ao PP entre 20 e 24 escanos e ao PSOE entre 20 e 23, no marco dunha campaña que favoreceu a formación liderada por Pedro Sánchez, que no caso de confirmarse os resultados prognosticados polas sondaxes colocaría en serios problemas o liderado de Alberto Núñez Feixoo nas filas populares. Nesta dirección, unha parte dos analistas consideran unha equivocación a táctica do PP de converter as eleccións nun referendo sobre o presidente do Executivo.

As enquisas colocan Vox en terceira posición, outorgándolle entre seis e sete escanos, ficando en cuarta posición Sumar con tres ou catro. A carón de Sumar aparece Agora Repúblicas, coalición electoral de BNG, Bildu e ERC, con dúas ou tres actas, seguida de Podemos con dous escanos. Na mesma liña, as sondaxes outorgan un escano a Junts per Catalunya, a Coalición por Europa (CEUS) promovida polo PNV e Se acabó la fiesta, a formación promovida polo comunicador ultraespañolista Alvise Pérez. O resto das organizacións e plataformas que se presentan non obterían representación

Comentarios