Eleccións Europeas 9-X

Casares asegura que o PSOE meterá "un zurdazo polo escuadro" a un PP que "xoga ao empate"

Europa, Galiza e o Estado español, di, "queren máis avance e progreso" e "non homes de negro, retroceso, branco e negro e aburrimento".
Nicolás González Casares, esta sexta feira, en Vilagarcía. (Foto: Europa Press)
photo_camera Nicolás González Casares, esta sexta feira, en Vilagarcía. (Foto: Europa Press)

O candidato do PSdeG ás eleccións europeas, Nicolás González Casares, asegurou que este domingo meterán "un zurdazo polo escuadro" a un PP que "xoga ao empate" e ao que van "gañar". Así o declarou esta sexta feira aos medios de comunicación nun acto electoral na localidade arousá de Vilagarcía, onde estivo acompañado polo alcalde, Alberto Varela, xunto ao que realizou un percorrido polo paseo de Canelas.

Casares remarcou que "defender Europa" significa "defender os servizos públicos, os da saúde", tal e como fixeron "durante a pandemia". "Esa é a Europa que nós queremos", enxalzou. "Unha Europa que avance, que rexenere e non unha que dexenere e retroceda como pretende a dereita, sobre todo un PP que hoxe en día é imposíbel diferenciar, que está a xogar ao empate e ao que lle imos a meter un zurdazo este domingo polo escuadro e imos gañar", esgrimiu.

Porque Europa, Galiza e o Estado español, continuou, "queren máis avance e progreso" e "non homes de negro, retroceso, branco e negro e aburrimento". En canto ao paseo de Canelas, Casares remarcou que é unha "clara mostra" do que promove Europa, mobilidade sostíbel que "permite facer as cidades máis amábeis".

"Vemos que hai outras cidades gobernadas polas forzas reaccionarias, pola dereita e ultradereita, que queren reverter esta situación, que queren facer menos habitábeis ás cidades", criticou. Por tanto, engadiu, cando din que unha Europa que "dexenera" é a que "pretende o PP e as forzas de ultradereitas, estamos a dicir a verdade".

Servizos de saúde en Vilagarcía

O candidato socialista tamén incidiu en que Vilagarcía "merece mellores servizos de saúde", algo que Europa "pode darlle", pero "se a Xunta quere". Pola súa parte, Alberto Varela aproveitou para reclamar á Xunta que utilice fondos europeos para realizar o centro de saúde polo que a localidade "leva esperando tanto tempo".

Neste sentido, lamentou que "sempre prometen en campañas electorais" o centro de saúde e apuntou que espera non "ter que esperar ás próximas eleccións" para dispor dun centro de saúde como "merece a cidade".

Comentarios