A alcaldesa da Coruña, sobre a desconvocatoria da folga do lixo: "A cidade non cedeu á chantaxe"

Operativo de recollida do lixo na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Desde a posta en marcha da recollida de emerxencia, os operarios de Valoriza xa recolleron un total de 934,26 toneladas.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, cualificou como unha "boa noticia para a cidade" o acordo do persoal de Prezero, a concesionaria do servizo de recollida de lixo na cidade herculina, de desconvocar a folga.

Así o fixo despois de que o persoal de Prezero, a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo na Coruña, acordara a última hora da quinta feira a desconvocatoria da folga, iniciada coincidindo coa celebración do San Xoán, na noite do 24 de xuño.

"46 días dunha folga que foi a máis longa en todos estes anos", expuxo nunhas declaracións remitidas aos medios de comunicación nas que lamentou o sucedido e os danos materiais ocasionados.

"A cidade gañou, non cedeu á chantaxe", aseverou tamén para remarcar que o conflito finaliza "sen que conseguisen ningún dos seus obxectivos fosen cales fosen", sostivo a alcaldesa, que agradeceu a "compresión" da cidadanía.

O mesmo fixo en alusión ao persoal de Prezero que estivo "ao pé do canón e traballaron aguantando todo tipo de presións", así como ao persoal de Valoriza, a empresa á que se recorreu tras declararse a emerxencia sanitaria, e ao equipo municipal.

Residuos recollidos

Tamén a comisión de seguimento pola emerxencia sanitaria valorou a desconvocatoria da folga, ademais de avanzar que acordou intensificar o servizo de limpeza na cidade "en puntos clave de acumulación de residuos".

Na quinta feira, a empresa que reforza a recollida de lixo recolleu un total de 50,06 toneladas, sen incidencias. Desde a posta en marcha da recollida de emerxencia, os operarios de Valoriza xa recolleron un total de 934,26 toneladas.