Eleccións Europeas 9-X

Alfonso Rueda afirma que non toda a ultradereita "é igual"

Alfonso Rueda
"Non todos os partidos de ultradereita son iguais". Así respondeu esta segunda feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a unha pregunta da prensa sobre se avalaría os pactos en Europa do grupo popular ao que pertence o PP con formacións de extrema dereita. Para el, ultradereita como a que representa, dixo, Giorgia Meloni, presidenta de Italia coa posfascista Fratelli d'Italia, non entraría nesa categoría.

O PP galego, que noutrora reclamaba ser situado no centro político e no espazo 'galeguista'; defende hoxe os pactos coa ultradereita. Non só os do PP no Estado español con Vox, senón que tamén os que se poidan dar na Unión Europea após as eleccións deste domingo entre o grupo popular —do que fai parte o PP— e a extrema dereita. Polo menos con esa extrema dereita que non é tan 'mala'.

"Non todos os partidos de ultradereita son iguais", dixo esta segunda feira Alfonso Rueda a preguntas da prensa na súa comparecencia após o Consello da Xunta. E citou Giorgia Meloni, presidenta de Italia, como ese exemplo de ultra que non sería tan ultra, malia as súas políticas de man dura en inmigración, recortes en políticas sociais ou en dereitos cara á muller.

Rueda deixou esta opinión na comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego, unha xuntanza na que o Executivo que preside aprobou un novo recorte fiscal. Deu o visto bo a reducir o imposto de sucesións para herdanzas entre parentes de terceiro grao, 'colaterais', que non tributarán por herdanzas de até 25.000 euros.

Segundo anunciou acompañado do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, esta medida afectará parentes como tíos e tías, sobriños e sobriñas, cuñados e cuñadas, sogros e  sogras, xenro e noras. Rueda afirmou que, "con Madrid estamos en cabeza en rebaixas fiscais". De feito, a semana pasada publicouse un informe do Consello de Contas no que cifraba o custo para as arcas públicas das políticas de recortes fiscais da Xunta da Galiza: 2.382 millóns de euros entre 2009 e 2022.

Formación Profesional

O Goberno galego aprobou esta segunda feira a ampliación na oferta da Formación Profesional. O vindeiro curso haberá case 47.000 prazas após un aumento de máis de 4.000, e crearanse dous novos ciclos en transporte por estrada e en aproveitamento forestal.

É, en palabras de Rueda, a "maior oferta de prazas de FP da historia da Galiza", que se complementa con 17 novas titulacións. Tamén deu o visto e prace o Executivo ao proxecto anunciado por Rueda en 2023  de destinar case 15 millóns de euros a promotores "públicos e privados" para facer vivendas que se destinen a aluguer social. Calcula que se farán ao redor de 350 vivendas.

Outra medida aprobada esta segunda feira foi a de solicitar a prórroga, até 2028, da concesión en Punta Langosteira da Plataforma experimental de enerxías mariñas, así como reiterar que se lles autorice unha plataforma para testar eólica mariña flotante a 15 km mar adentro do porto da Coruña. 

Por último, e tamén en resposta a preguntas da prensa, Alfonso Rueda negou que "en absoluto" se poida facer unha lectura en chave sucesoria do feito de que os conselleiros Diego Calvo (Presidencia) e Román Rodríguez (Educación) vaian ser os únicos membros do seu Goberno que non renunciarán á acta de deputado no Parlamento galego.