ELECCIÓNS EUROPEAS 9-X

Alfonso Rueda aposta por unha Europa na que o sector pesqueiro galego “sexa escoitado”

Millán Mon afirma que o PP é o “partido da pesca”

Alfonso Rueda (no centro), con representantes institucionais do PP e do sector do mar, entre eles José Antonio Sieira (á súa dereita), presidente da Federación Galega de Confrarías. Á esquerda, o patrón maior da Confraría de Aguiño (Ribeira), José Antonio Santamaría, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda (no centro), con representantes institucionais do PP e do sector do mar, entre eles José Antonio Sieira (á súa dereita), presidente da Federación Galega de Confrarías. Á esquerda, o patrón maior da Confraría de Aguiño (Ribeira), José Antonio Santamaría, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares. (Foto: Nós Diario)

O presidente do PP na Galiza, Alfonso Rueda, apostou este sábado por facer posíbel que a partir do 9 de xuño, día en que decorrerán no Estado español a votación das elección europeas, que o sector pesqueiro galego “sexa escoitado e defendido como lle corresponde” no Parlamento Europeo.

Así o manifestou este sábado nun acto sectorial que tivo lugar en Cangas (O Morrazo) pola “importancia deste sector para a Galiza e pola importancia destas eleccións para a xente do mar que sofre as consecuencias das malas decisións que se toman moi lonxe e, a veces, sen ter a oportunidade de ser escoitados”.

“A xente do mar da Galiza necesita ser defendida en Europa porque na política comunitaria están en xogo a súa vida e o seu negocio”, asegurou o presidente popular pondo de manifesto que a Galiza é a comunidade “con máis vida na costa” do Estado español e avogando por un futuro no que os galegos e as galegas poidan seguir vivindo “no mar e do mar”.

Unha estreita vinculación dos galegos co mar que, na súa opinión, non entenderon todos aqueles que se opuxeron á Lei do Litoral, recorrida polo Goberno español, que considerou que a norma “invadía competencias estatais”. “Non entendían que a Galiza é mar, que levamos centos de anos vivindo do mar adaptándonos, modernizando e tamén conservándoo. E ao final o tempo deunos a razón”, afirmou Rueda, en referencia á sentenza do Tribunal Constitucional que avalou a lei.

Rueda incidiu na importancia de que, coa presenza na Eurocámara de representantes de Galicia como o candidato Francisco Millán Mon, se garanta que en Europa se fale “cunha soa voz” na defensa dos intereses da Galiza e na busca de solucións aos problemas.

O PP é “o partido da pesca”

Pola súa banda, Millán Mon insistiu na importancia destas eleccións para a Galiza –“primeira zona pesqueira de Europa”, afirmou– lembrando que “as decisións e a lexislación que determinan o futuro dos nosos pescadores, mariscadores e de toda a cadea mar-industria tómanse basicamente en Bruxelas”.

Ao longo da súa intervención, Millán Mon repasou os grandes retos aos que se enfronta o sector pesqueiro e marisqueiro galego, as solucións propostas e os logros alcanzados polo Partido Popular en Bruxelas.

Finalizou pedindo unha alta participación o próximo 9 de xuño e fixo fincapé en que “o PP é igual a Partido da pesca, o único partido capaz de facer que os intereses pesqueiros galegos se convertan en intereses tamén da Unión Europea e obteñan o respaldo desta”.

Comentarios