''Aquí xace Dona Corrupción, veciña do pazo de Raxoi, filla de Pokémon e Manga''

Ducias de persoas participan no cortexo fúnebre organizado polo BNG en Compostela para denunciar a enxurrada de corrupción que envolve ao goberno local da capital de Galiza.

Un cortexo fúnebre, con cadaleito, acompañantes de rigoroso loito e plañideiras incluídas, percorreu Santiago para enterrar a Dona Corrupción, “que faleceu a día de hoxe, animada pola veciñanza de Compostela”. Ducias de persoas sumáronse a esta iniciativa organizada polo BNG para denunciar a situación insostíbel que se vive no Concello da capital de Galiza, con 10 dos 13 edís do grupo de goberno imputados, alcalde incluído. A apertura de xuízo oral a sete deles por prevaricación supón un chanzo máis na liña de procesos xudiciais que paira sobre o PP local.

“Convocamos este enterro da corrupción porque o goberno local do PP en Compostela carece de lexitimidade e de credibilidade”

A comitiva fúnebre partiu do Pazo de Raxoi (sede do Concello compostelá) para finalizar en Bonaval, antigo cemiterio. Veciñ@s, plañideiras... marcharon tras o féretro onde ía Dona Corrupción, “que faleceu a día de hoxe, animada pola veciñanza de Santiago Compostela”.

“O seu pai Pokemon, a súa filla Manga, o seu fillo Caso Conde Roa, Facturas Falsas, Caso Carril, Defensa de Adrián Varela; os seus irmáns Pikachu e Patos, os seus veciños Bárcenas, Gürtel e Nóos; compañeir@s de traballo, cómplices e demais beneficiarios chaman a participar no cortexo”.

Currás e Feijóo

Entre as persoas asistentes estaban o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, membros da Executiva Nacional, o grupo municipal e militantes e simpatizantes da formación nacionalista. “Convocamos este enterro da corrupción porque o goberno local do PP en Compostela carece de lexitimidade e de credibilidade e ten que rematar de maneira inmediata a entroidada a que someteron á veciñanza”, explicou Goretti Sanmartín.

Para o responsábel municipal do BNG, Rubén Cela, “dá vergoña e resulta sintomático, ver que o actual alcalde Ángel Currás solicita excepcións ás responsabilidades políticas cando as veciñas e os veciños de Compostela saben que non pide esas excepcións para as concelleiras e os concelleiros imputados por prevaricación polo caso Adrián Varela, pide esa excepción para el mesmo, imputado por prevaricación, por acoso moral e por tráfico de influencias”. Currás sabe que Feijóo non decidirá que dimitan as persoas imputadas neste caso sen que o faga o propio alcalde, máximo responsábel do que acontece no Concello, engadiu.