"Baixarei o ritmo porque tiven un aviso serio de saúde e morto non sirvo para nada"

Xosé Manuel Beiras

O líder de AGE anuncia que reducirá a súa presenza na primeira liña da política galega e amosa tamén o seu apoio ás Mareas, alén de considerar un "erro" que o BNG non quera confluír con forzas estatais.

O portavoz parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, anunciou que reducirá a súa actividade política tras ter un "aviso importante de saúde". "Decidín que non estarei ao mesmo ritmo porque vivín un aviso importante de saúde e de morto non sirvo para nada", manifestou nunha entrevista concedida á Radio Galega.

"Levo dous anos infernais, implicado nun proxecto e nunha aventura, no sentido propio da palabra, na que non tiña pensado en absoluto asumir roles que despois, dalgún xeito obrigáronme a asumir, amablemente, fraternalmente, pero si leváronme a estar outra vez no Parlamento", explicou.

Bloque

O portavoz nacional de Anova tamén apoiou a aparición das chamadas "mareas" e advertiulle ao BNG de que sería un "erro" bloquear candidaturas nas que participen forzas de ámbito estatal.

Para rematar, non pechou a porta a que Podemos poida participar en listas de integración da esquerda en Galiza nas eleccións municipais, aínda que considerou que a formación que dirixe Pablo Iglesias pode derivar nun fenómeno populista.