O portavoz parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, anunciou que reducirá a súa actividade política tras ter un "aviso importante de saúde". "Decidín que non estarei ao mesmo ritmo porque vivín un aviso importante de saúde e de morto non sirvo para nada", manifestou nunha entrevista concedida á Radio Galega.
"Levo dous anos infernais, implicado nun proxecto e nunha aventura, no sentido propio da palabra, na que non tiña pensado en absoluto asumir roles que despois, dalgún xeito obrigáronme a asumir, amablemente, fraternalmente, pero si leváronme a estar outra vez no Parlamento", explicou.
Bloque
O portavoz nacional de Anova tamén apoiou a aparición das chamadas "mareas" e advertiulle ao BNG de que sería un "erro" bloquear candidaturas nas que participen forzas de ámbito estatal.
Para rematar, non pechou a porta a que Podemos poida participar en listas de integración da esquerda en Galiza nas eleccións municipais, aínda que considerou que a formación que dirixe Pablo Iglesias pode derivar nun fenómeno populista.