Besteiro afirma que "se non fose por Aznar, hoxe a AP-9 estaría libre de peaxes"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Nós Diario).
Besteiro destacou as bonificacións que están en vigor na actualidade grazas ao acordo para a investidura de Pedro Sánchez entre o BNG e o PSOE. "Hoxe son do 50%, mais o fundamental é que sexan do 100%", recoñeceu.

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do grupo socialista no Parlamento da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou esta terza feira en Madrid as causas de que a autopista do Atlántico aínda sexa unha vía de pagamento. “Se non fose porque Aznar prorrogou a concesión até o 2048, hoxe a AP-9 estaría libre de peaxes”, sinalou.

Así o fixo Besteiro en declaracións aos medios ás portas do Congreso español, onde esta tarde defenderá a toma en consideración da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade da autopista á Galiza.

Trátase dun traspaso “que levamos pedindo durante moitísimo tempo”, e que se se atendera antes, as galegas e os galegos “xa estaríamos libres” de pagar por circular pola AP-9. “Xa sería de todos”, engadiu o secretario xeral e portavoz do PSdeG.

O secretario xeral distinguiu entre os dous asuntos que esta cuarta feira se trasladan á Cámara Baixa: “Defender a gratuidade e o traspaso”. Asegurou que se trata de “dúas cuestións importantes”, mais a primeira é prioritaria. “Se lles preguntamos aos galegos e ás galegas que prefiren, a inmensa maioría seguramente contestarán que que sexa gratuíta”, explicou.

Nese senso, destacou as bonificacións que están en vigor na actualidade grazas ao acordo para a investidura de Pedro Sánchez entre o BNG e o PSOE. “Hoxe son do 50%, mais o fundamental é que sexan do 100%”, recoñeceu.

Orzamentos do Estado

Besteiro avanzou que nos próximos Orzamentos do Estado está previsto incrementar o financiamento deses descontos. “O Goberno está comprometido a facelo e a bonificación incrementarase até 75%, e despois traballaremos para chegar a esa gratuidade do 100%”, asegurou.

O socialista lamentou que nas anteriores ocasións que o debate sobre a AP-9 chegou ao Congreso español “o PP votaba cunha man e vetaba coa outra”, e defendeu que mentres se resolve en Europa a posíbel irregularidade da prórroga da concesión realizada polo Goberno de Aznar, “non nos despistemos do importante, que é a gratuidade”.