Pontón reclamará no Congreso unha AP-9 galega e libre de peaxes

"Non ten sentido que desprazarse entre Vigo e A Coruña coste máis en peaxes que viaxar desde a Galiza até Madrid", denunciou a portavoz nacional do BNG antes de acceder ao Congreso.
Néstor Rego, Ana Pontón e Carme da Silva (Foto: Nós Diario).
photo_camera Néstor Rego, Ana Pontón e Carme da Silva (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu unha AP-9 galega e libre de peaxes ao asegurar que esta infraestrutura está "requeamortizada" tendo en conta que os galegos e as galegas xa pagaron "máis de 3.500 millóns en peaxes".

En declaracións aos medios ante a Cámara baixa, Pontón asegurou que é unha "honra" acudir ao Congreso español para "defender a igualdade de trato" á Galiza para que se lle transfira a AP-9, "igual que se transferiron autoestradas similares a outras comunidades autónomas" como Euskadi e Catalunya.

"Vimos demandar que, dunha vez por todas, as forzas estatais voten o mesmo en Madrid que na Galiza e que esta transferencia se poida facer efectiva, porque significa tamén ter capacidade para poder tomar decisións respecto dunha das infraestruturas máis importantes que temos no noso país", afirmou.

"Se non se fai nada por parte do Goberno estatal chegaremos a pagar até o ano 2048 máis de 7.000 millóns en peaxes", sostivo para censurar tamén que "as decisións tomadas por PP e PSOE fan que "sexa unha das vías máis caras do Estado".

A este respecto, asegurou que unha usuaria habitual que necesite utilizar esta infraestrutura para poder viaxar "ten que deixar unha parte moi importante do seu salario" no pagamento de peaxes, o que introduce "unha discriminación na mobilidade da Galiza, que é moi importante".

máis barato viaxar desde A Coruña a Madrid, que son sobre 600 quilómetros, que desde A Coruña a Vigo, que son 200. Pagamos máis peaxes por circular polo noso país que por percorrer unha distancia moito maior cara a Madrid e isto penaliza a mobilidade na Galiza", dixo para asegurar que tamén repercute nas empresas e no desenvolvemento económico.

"Por tanto, o que estamos é reclamando unha cuestión de xustiza", explicou para incidir en que non só é necesaria a toma en consideración da nova lei, senón que esta se debe aprobar definitivamente. "Levamos moito tempo traballando na transferencia da AP-9 e non imos tirar a toalla en ningún momento, mais é certo que as forzas estatais deben deixar de discriminar á Galiza e deben deixar de votar unha cousa en Santiago de Compostela e a contraria en Madrid".

"Bloqueo" do PP e do PSOE

Pola súa parte, o deputado do BNG na Cámara baixa, Néstor Rego, criticou que PP e PSOE voten no Parlamento da Galiza a favor de iniciativas para transferir a AP-9, mais "sistematicamente bloquean no Congreso a tramitación desta lei".

"É un comportamento que nos parece que non ten ningún sentido, que non é xustificábel e, por tanto, hoxe como portavoz do BNG no Congreso, vou pedir ao PP e ao PSOE que deixen de enganar aos galegos e galegas" e que se apliquen na tramitación dunha lei "pola que todo o mundo está a esperar para a transferencia da AP-9", que debe "ir acompañada" da liberalización da peaxe co final da concesión prorrogada "grazas a unha decisión dun Goberno do PP" até o ano 2048.

Comentarios