Parlamento

Besteiro comezará preguntando a Rueda polo sobrecusto do Álvaro Cunqueiro na primeira sesión de control

José Ramón Gómez Besteiro na Deputación Permanente (Foto: Nós Diario).
O PSdeG lembra que o Executivo galego non ofreceu explicacións satisfactorias sobre a razón pola que o hospital terminou sendo máis pequeno e custando 470 millóns de euros máis do previsto.

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, interpelará o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, "sobre o escandaloso sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo", na primeira sesión de control do novo curso parlamentario, que terá lugar en setembro. Esta situación, "denunciada desde hai anos polo PSdeG e ratificada agora por un informe do Consello de Contas", aseguran nun comunicado que require de "respostas claras e coherentes por parte do goberno autonómico".

Desde o PSdeG lembran que, até agora, o Executivo galego non ofreceu explicacións satisfactorias sobre a razón pola que o hospital terminou sendo máis pequeno e custando 470 millóns de euros máis do previsto. "As únicas respostas que recibimos até o de agora limitáronse a culpar á crise financeira, unha xustificación que resulta inaceptábel para unha xestión pública que debía dar prioridade á transparencia e o control do gasto", aseguran. 

O Grupo Socialista entende que en situacións de crise económica “pódense tomar decisións complexas”, mais entenden que “resulta incomprensíbel que se construíu un hospital máis pequeno do inicialmente proxectado e, aínda así, incorreuse nun sobrecusto de tal magnitude”. 

Por este motivo, o PSdeG entende que é unha necesidade "urxente que Alfonso Rueda e o seu equipo dean a cara ante as galegas e os galegos e expliquen con detalle como se produciu esta desviación e quen son os responsábeis".

Segundo indica o PSdeG, a intervención do líder dos socialistas galegos na próxima sesión de control do Parlamento galego buscará precisamente pór luz sobre estes interrogantes "e exixir responsabilidades por unha xestión que consideramos absolutamente deficiente".

Os socialistas sinalan que “non permitiremos que esta cuestión quede sen resolver e que as respostas se sigan demorando baixo pretextos pouco convincentes".

Ademais, o PSdeG reitera que segue en pé o seu compromiso coa defensa da sanidade pública galega, "apoiando activamente as protestas que denuncian a falta de especialistas nos centros de saúde e o feche dalgúns deles durante o verán". Neste sentido, entenden que "a saúde das galegas e dos galegos non pode verse comprometida pola inacción do Goberno da Xunta".