Eleccións Europeas 9-X

O BNG aposta por unha "Europa antifascista" fronte á extrema dereita e ao PP "máis ultra"

Ana Miranda e Ana Pontón, ante a Casa Cornide (Foto: Nós Diario).
"Corren malos tempos para a democracia", aseverou Ana Pontón nun acto ante a Casa Cornide.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, pediu, xunto á candidata da formación ás eleccións europeas, Ana Miranda, "defender a democracia" para construír unha "Europa antifascista" fronte á extrema dereita e ao PP "máis ultra".

"Corren malos tempos para a democracia", aseverou Pontón nun acto ante a Casa Cornide, nas mans da familia Franco e cuxa devolución ao patrimonio público reclama, entre outros colectivos, a formación nacionalista. Foi nunha intervención con críticas ao PP respecto á súa política coa familia Franco.

Deste inmóbel, Pontón dixo que é un exemplo de que "no Estado español permítese o franquismo sen Franco". Tamén cualificou de "escándalo democrático" que non se devolveron bens "roubados ao pobo".

Fíxoo na mesma liña que Miranda, que apelou ao traballo do BNG na Unión Europea (UE) para denunciar este tipo de situacións ou a súa petición de ilegalización da Fundación Franco no Parlamento Europeo.

"Quen lle dá ás á extrema dereita é un PP cada vez máis ultra como vimos este domingo con Alfonso Rueda", dixo, á súa vez, Pontón sobre o presidente da Xunta da Galiza e a mobilización convocada en Madrid contra a amnistía polo PP.

"Rueda á beira dos sectores máis reaccionarios mentres o BNG estaba coa cidadanía galega, dicindo alto e claro que non quere industrias contaminantes como a de Altri en Palas de Rei", engadiu sobre a mobilización convocada contra a mesma.

Todo iso con referencias ao "escano galego do BNG" como a garantía para contribuír a construír unha "Europa antifascista" e para defender "a democracia, os dereitos e as liberdades desde a diversidade lingüística", insistiu Pontón.

Apertura da Casa Cornide

Fíxoo en liña co manifestado tamén pola candidata do BNG Ana Miranda, quen reprochou que a Casa Cornide "aínda pertenza aos Franco", nun acto no que se demandou á Xunta que faga cumprir aos Franco a obrigación de apertura do inmóbel ao público catro días ao mes, ao tratarse dun Ben de Interese Cultural (BIC).

Isto, segundo o BNG, supón un exemplo de "impunidade do franquismo", incidiron nun acto con chamamentos a defender a "memoria democrática". "Votar ao BNG é votar a unha candidatura antifascista", insistiu Miranda, quen apelou a combater á ultradereita e aos que a "branquean", en alusión ao PP.