Muros (comarca homónima) foi este domingo a seguinte parada da eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda. Nesta vila mariñeira, a nacionalista subliñou a importancia de que o Bloque volva ter presenza no Parlamento Europeo para toda a costa galega, por ser “a garantía de defender o noso sector pesqueiro, de defender a seguridade marítima e defendernos contra a contaminación que poida vir de mareas negras ou mareas brancas”.
Miranda lembrou que a presenza do BNG en Bruxelas “foi a proba de que sempre levamos ao sector cando fixo falta e se fai falla levaremos unha patela na cabeza para levar de novo os problemas do noso país, para defender o dereito a producir e a vivir na nosa terra”.
![Ana Miranda coa patela](/media/nosdiario/images/2024/05/19/2024051920434547632.jpg)
A candidata nacionalista dicía isto mentres levantaba unha patela no acto público no que interveu en Muros, no que tamén participaron os candidatos 2 e 4 ás eleccións europeas, Bieito Lobeira e Rogelio Santos Queiruga, respectivamente, ademais da alcaldesa, María Lago.
Miranda afirmou que a Galiza é unha nación pesqueira e “ten que ser respectada, porque queren mandar en nós, como pasou co xeito e alí estivemos”. A eurodeputada denunciou que “non hai dereito que a Union Europea decida sobre a nosa soberanía pesqueira, en ridículas cotas de pesca que nos limitan e non entenden a nosa costa”.
Mellora da seguridade
Alén diso, na súa intervención, Ana Miranda destacou tamén que grazas ás propostas do BNG mellorou a seguridade do transporte marítimo cando leva sustancias contaminantes como os pellets, de forma que “agora terase en conta e agardamos que cando haxa un accidente, funcionen as alertas e os plans anticontaminacion por parte do Gobernos”.
Neste sentido lembrou cando a alcaldesa María Lago viaxou a Estrasburgo, en xaneiro deste ano, para analizar nas institucións europeas as consecuencias da vertedura de pellets.
“Xa abonda que a costa galega sufra verteduras chegadas do resto de Europa! Non somos un vertedoiro!”, manifestou a eurodeputada do BNG.
Ante os lobbys
“O BNG aspira a voltar ao Parlamento Europeo pois na Union Europea decídense cousas moi importante que afectan á nosa vida diaria, e temos que ter voz propia, voz galega en Europa para falar do noso”, destacou Ana Miranda en Muros.
A eurodeputada non se esqueceu de Altri no seu discurso. “Defendemos os intereses do pobo galego fronte aos lobbys que buscan espoliar os nosos recursos e que os fondos europeos non se malgasten, como está facendo o PP con ALTRI”, dixo ao respecto e enviou un saúdo ao integrante da candidatura europea, “Fernando, de Santiso, é o noso Alcalde, que están librando unha colosal batalla contra esa macrocelulosa”.