Eleccións europeas 2024

O BNG inicia a campaña das europeas: "A Galiza existe en Bruxelas pola voz de Ana Miranda"

"O BNG está no mellor momento da súa historia e este 9 de xuño imos demostrar unha vez máis do que somos capaces cando traballamos todos a unha", afirmou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
Ana Pontón e Ana Miranda, este domingo en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón e Ana Miranda, este domingo en Vigo (Foto: Nós Diario).

"O BNG está no mellor momento da súa historia e este 9 de xuño imos demostrar unha vez máis do que somos capaces cando traballamos todos a unha", afirmou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao comezar a súa intervención no acto co que a forza nacionalista deu incicio á campaña das eleccións ao Parlamento Europeo. "Cando pasamos de seis a 19 escanos no Parlamento da Galiza dixeron que ese era o noso teito, mais con traballo e sen poñernos límites demostramos que o BNG non ten teito", sinalou a líder nacionalista.

"É normal que a Ana Miranda a chamen Madame Galice porque cada vez que abre a boca é para defender a Galiza, porque fala dos problemas reais da xente deste país", dixo Pontón. "A Galiza existe en Bruxelas pola voz de Ana Miranda, por iso a nosa é a candidatura do país, somos o equipo da casa fronte a un Partido Popular que só mira a Madrid", aseverou.

"Temos 1.500 quilómetros de costa e unha das frotas máis importantes de Europa. Bélxica ten 70 quilómetros de costa e unha minifrota. Pois ben, Bélxica ten voz no Consello de Pesca e a Galiza non, hai que acabar con este sen sentido", defendeu Ana Pontón.

"Fomos a voz crítica cando o Prestige tinguiu de negro a costa do noso país e fomos quen defendeu ás vítimas do Alvia. Somos a voz crítica cando os Gobernos queren tapar a súa mala xestión. Tamén a voz da xente do mar, que non quere despezamentos dos barcos, senón traballar", continuou Pontón, exemplificando na pesca a defensa dos sectores produtivos galegos.

"Para o PP a Galiza sempre é a última carta, aquí, en Madrid e en Bruxelas, por iso é tan importante unha voz que defenda os intereses do pobo galego, por iso precisamos conseguir un escano galego de forma directa en Bruxelas", acrecentou. "Temos 1.500 quilómetros de costa e unha das frotas máis importantes de Europa. Bélxica ten 70 quilómetros de costa e unha minifrota. Pois ben, Bélxica ten voz no Consello de Pesca e a Galiza non, hai que acabar con este sen sentido", defendeu a líder do BNG.

"Hai que conseguir outra Europa, unha Europa dos pobos e que non estea ao ditado dos Estados Unidos e da OTAN nin que sexa cómplice do xenocidio que está perpetrando Israel en Gaza", engadiu. "Queremos unha Europa social e non esta Europa que mentres promove recortes para o pobo aposta por máis gasto militar", explicou Pontón. "Hai que estar en Bruxelas para defender con voz propia que hai outra Europa posíbel e comezar a construíla", acrecentou.

"A única forma de que a Galiza conte en Europa é cun escano do BNG, por iso nesta campaña imos falar dos intereses do pobo galego, ninguén nos vai desviar desta ruta, dígoo porque o PP vai repetir a campaña sucia das galegas empregando tamén a súa ferramenta de intoxicación que é a TVG", afirmou.

"Os galegos e as galegas merecen ser as protagonistas fronte a un PP instalado no insulto e na mentira", argumentou. "O pobo galego merece unha voz propia que defenda os seus intereses, a voz do BNG e de Ana Miranda", concluíu.

Intervención de Ana Miranda

"Somos unha esperanza", así abriu Ana Miranda, a eurodeputada do BNG, a súa intervención. "Son filla da clase obreira de Vigo e non me deixo intimidar por comisarios", continuou. "Lembro aquela reconversión industrial que deixou meu pai tres anos no paro", dixo a candidata nacionalista recordando tamén o despezamento de barcos.

"Nós só somos a cara de todos vós", proseguiu nunha apelación á "forza da militancia do BNG" e ao seu "apoio incondicional até nos peores momentos". "Defendemos os intereses do pobo galego e non das enerxéticas, por iso estamos con vós e precisamos o voso apoio para que calquera tema de interese para a Galiza poida ser defendido en Bruxelas", abondou.

"Ningunha causa nos é allea, hai que pensar na humanidade enteira", lembrou Ana Miranda sobre unhas palabras que lle dixo o ex presidente do Uruguai cando visitou a súa casa.

"Até Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo saben que somos os únicos que sempre poñemos por diante os intereses do pobo galego, por iso non queren que se nos dea espazo na TVG", sinalou Miranda antes de facer unha escolma das iniciativas que o BNG levou ao Parlamento Europeo, "todas as causas de importancia para a cidadanía galega".

"Ningunha causa nos é allea, hai que pensar na humanidade enteira", lembrou a nacionalista sobre unhas palabras que lle dixo o ex presidente do Uruguai cando visitou a súa casa. "Non pode ser que a Unión Europea sexa cómplice do cruel xenocidio que exerce Israel en Gaza. Non no noso nome. Iso é o que defendemos, ás veces con moitas presións", explicou ao respecto.

"Temos que sacar un escano desde o comezo até o final, como aconteceu en 1999, porque en nós non manda ninguén. Se obtermos ese apoio para que eu continúe sendo eurodeputada, eu seguirei traballando polo país, da man da xente, reivindicando outra maneira de facer política, coas persoas no centro", prometeu Miranda. "Unha forma de facer política que está representada en todas nós, e concretamente na nosa portavoz nacional, Ana Pontón", concluíu.

Inicio do acto

"Vigo é o novo abrente", con estas palabras comezou o acto do BNG co que iniciou a campaña das eleccións ao Parlamento Europeo, nunha referencia ao feito de teren sido a forza nacionalista a máis votada na cidade olívica nos últimos comicios galegos.

"Unha cidade que é motor de grandes transformacións", abondou o portavoz do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, que lembrou as grandes mobilizacións que historicamente se deron na urbe, como as que rexeitaron a reconversión naval.

Pérez Igrexas manifestou a importancia de que o BNG teña "voz propia" en Bruxelas, para converter Vigo nun "polo de desenvolvemento da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal", así como para "defender os sectores produtivos" e o "desenvolvemento das infraestruturas".

"Estamos ante o mar máis rico de Europa, témolo todo para saír adiante como pobo, mais estamos ante unha Unión Europea cruel e inhumana, non pode ser que as decisións sobre o noso mar non se tomen aquí, senón en Madrid ou en Bruxelas", afirmou Bieito Lobeira.

De seguido, tomou a palabra a candidata e artista plástica Miriam Opazo, de Xinzo (A Limia). "Acredito que é posíbel habitar o mundo cos pés e o corazón na terra, vivir con idioma e cultura propia non fecha portas, ábreas", defendeu na súa intervención. "Estamos orgullosas de ser quen somos como pobo", engadiu.

Pola súa parte, o mariñeiro e candidato Roxelio Santos continuou cunha crítica "ás mentiras e bulos que fabrican os medios de comunicación tradicionais". Santos afirmou que "cando están danando o noso mar hai que sacar o xenio para defender o noso sector", citando a "gran cantidade de verteduras que soportan as nosas rías, a aparición de novos proxectos como Altri ou a defensa da megaminaría por parte da Xunta da Galiza".

"Moitas decisións que concirnen estes problemas decídense na Unión Europea, por iso me quixen sumar a esta candidatura liderada pola incríbel Ana Miranda e ao carón da boa xente do BNG", concluíu o mariñeiro de Porto do Son (comarca de Noia).

"Estamos ante o mar máis rico de Europa, témolo todo para saír adiante como pobo, mais estamos ante unha Unión Europea cruel e inhumana, non pode ser que as decisións sobre o noso mar non se tomen aquí, senón en Madrid ou en Bruxelas", proseguiu o candidato e antes responsábel de Organización do BNG, Bieito Lobeira, de Marín (O Morrazo).

"Mercado común europeo, ruína do pobo galego. Dixémolo antes que ninguén e así o seguimos defendendo", afirmou Lobeira. "Aquí producimos alimentos que son imprescindíbeis para o ser humano e que teñen unha gran calidade. Tomemos nós as rendas do noso futuro", concluíu o candidato nacionalista, o segundo na lista do BNG á Eurocámara.

Comentarios