Ana Miranda cre que a implantación dun Estatuto Europeo do Artista 'evitará discriminacións'

A eurodeputada do BNG lanzou esta proposta durante unha visita este sábado ao Festival de Monicreques de Redondela. 
Ana Miranda na súa visita ao Festival de Títeres de Redondela (Foto: Nós Diario).
BNG
18/5/2024
photo_camera Ana Miranda na súa visita ao Festival de Títeres de Redondela (Foto: Nós Diario). BNG 18/5/2024

A candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, defendeu a necesidade de implantar un Estatuto Europeo do Artista para "evitar discriminacións" entre os diferentes estados.

Lanzou esta proposta durante unha visita ao Festival de Monicreques de Redondela por entender que en Europa é "fundamental" para que os artistas da Galiza teñan "os mesmos dereitos que os artistas belgas", de forma que o Estatuto Europeo do Artista inclúa todo tipo de artes.

Así, a eurodeputada galega incidiu en que, no caso de Bélxica, "os artistas contan cun salario establecido e negociado polo estado".

Neste sentido, puxo en valor que foi o grupo parlamentario da Eurocámara no que está incluído o BNG o que lanzou esta iniciativa a nivel europeo.

Debate non finalizado

"Xa que o debate non está finalizado, alcanzar este estatuto será un dos retos da próxima lexislatura", afirmou a eurodeputada do Bloque. En concreto, tal e como salientou o BNG nunha nota de prensa, este estatuto propón que os estados membros apliquen as recomendacións da Unesco relativas ao "estatuto dos artistas", das que todos son asinantes, polo que todas as traballadoras e traballadores están amparadas polo ámbito laboral da UE, así como pola lexislación laboral estatal.

Outro dos aspectos que contempla este estatuto fai referencia a que os estados membros asignen os recursos económicos e humanos adecuados para o fortalecemento das disciplinas artísticas en todas as etapas educativas nas actividades curriculares e extraescolares.

"As condicións sociais e laborais xustas son fundamentais para garantir a liberdade de expresión artística de todos os creadores", manifestou Ana Miranda.

Comentarios