O BNG defenderá no Congreso un sistema de concerto para Galiza

O deputado do BNG Néstor Rego, intervindo no Congreso español (Foto: Nós Diario).

O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego defenderá esta semana na Cámara Baixa un sistema de financiamento para Galiza baseado no concerto.

Rego sinala que na sesión do Congreso dos Deputados da cuarta feira reclamará á vicepresidenta primeira e ministra de Facenda. María Jesús Montero, soberanía fiscal e un concerto económico que “dea a Galiza a chave dos seus cartos e un maior autogoberno para ter capacidade normativa e de recadación”.

O voceiro nacionalista na Cámara Baixa entende que o actual sistema de financiamento “discrimina gravemente a Galiza”. Neste punto destaca que a liquidación do sistema de financiamento de 2021 sinala que o Estado non devolveu a Galiza 5.082 millóns de euros recadados no país en impostos.

Unha cantidade astronómica”, asegura Rego, “tendo en conta tamén que a Galiza é un país que actualmente está a cola no Estado español en indicadores socioeconómicos e de calidade de vida"

"É evidente”, continúa Rego “que a Galiza non pode permitir o luxo de seguir perdendo ese diñeiro, necesitámolo e ademais é de xustiza porque é dos galegos e galegas”. Neste liña, lembra que cun sistema de concerto os recursos da Administración galega poderían incrementarse “entre tres mil e catro mil millóns de euros” ao ano.

O deputado do BNG preguntaralle a Montero se "o Executivo está en disposición de acordar un sistema de financiamento xusto para a Galiza, que recoñeza a súa singularidade e acabe coa discriminación que implica o modelo actual".

A pregunta de Rego chega tras recoñecer a ministra de Facenda a pasada semana que Galiza está mal financiada e abrir a porta a estender a outros territorios o modelo acordado para Catalunya entre ERC e o PSOE.

Rego reclamará “un sistema de financiamento específico que teña en conta as nosas necesidades e que permita acabar co espolio fiscal ao que vén sendo sometido o noso país desde hai décadas".

O responsábel nacionalista urxe “dar ao noso país a capacidade normativa e de recadación, así como pór en marcha unha negociación bilateral co Estado para acordar que parte se destina a servizos comúns”.