O BNG denuncia a subvención da Xunta para crear pisos turísticos en Vigo, a cidade con máis VUT: 1.798

A deputada do BNG, Alexandra Fernández (Foto: Nós Diario).

A deputada Alexandra Fernández advertiu que esta operación só vai redundar na progresiva turistificación do centro histórico e no incremento de prezos da vivenda habitual.

A portavoz de Vivenda do BNG, Alexandra Fernández, denunciou onte que a Xunta da Galiza está a subvencionar a creación de apartamentos turísticos no centro de Vigo cando existe un grave problema de acceso á vivenda habitual.

O pasado 5 de agosto o Consello da Xunta informaba que outorgaba unha subvención a Fyneko Real Estate Investment Trust S.L. para a rehabilitación dun edificio “para a posta en marcha de apartamentos turísticos” sinalou a deputada. A empresa que recibirá a subvención é “un negocio orientado á xestión e colocación no mercado de bens inmóbeis, principalmente comerciais e industriais por todo o territorio estatal”.

A deputada nacionalista explicou que “resulta inxustificábel que unha empresa desta características, que se dedica ao investimento e especulación con activos inmobiliarios, reciba fondos públicos para financiar as súas operacións de investimento”. Concretamente uns 699.000 euros de fondos públicos, ademais salientou que pola “situación de centralidade do inmóbel” é unha zona na que existe unha “alta demanda de vivenda habitual” e de presión turística.

Fernández advertiu que o Goberno galego trata de maquillar a operación, “alegando que o proxecto vai impulsar a economía local”, pero non fica claro en ningún momento en que consiste esa negociación, nin cal vai ser a súa repercusión económica, nin o seu impacto social positivo.

Para alén de todo isto, esta inxección de fondos públicos a esta empresa sucede en paralelo a unha crise de acceso á vivenda permanente e habitual, que deriva en parte do problema do incremento dos pisos turísticos, afirma.

“Nos últimos anos Vigo converteuse na localidade co maior número de vivendas turísticas rexistradas con 1.798 VUT en xuño de 2024. Isto supón un aumento do 160% tan só nos 2 últimos anos,  sinalou Fernández.

Ao mesmo tempo que aumentan os pisos turísticos e que descende a oferta de vivenda habitual, o prezo medio do aluguer en Vigo non parou se subir de forma desmedida: en xuño de 2024 xa está situado nos 626,6 euros mensuais, cando hai apenas 5 anos era de 495,4 euros, lembrou

A subvención recibida é cuestionable tanto do punto de vista do turístico, urbano e do acceso á vivenda. “Esta operación só vai redundar na progresiva turistificación do centro histórico, no incremento de prezos da vivenda habitual e en grandes beneficios para quen especula con activos inmobiliarios” concluíu.