O BNG destaca a responsabilidade política de Branco e Pastor no accidente do Alvia mentres o PP lamenta a tardanza da sentenza

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda (Foto: Nós Diario).

Pese a condena ao ex xefe de Seguridade de ADIF, o BNG considera que "politicamente hai unha débeda coas vítimas do accidente por parte de PSOE e PP".

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera que a sentenza correspondente ao accidente do Alvia -acontecido na curva da Grandeira hai 11 anos- e que condena o ex xefe de Seguridade de ADIF, Andrés Cortabitarte, e o maquinista do tren, Francisco José Garzón, a dous anos e medio de prisión en ambos os casos, dá a razón ao Bloque en dous aspectos contemplados nas denuncias presentadas por Miranda na Comisión Europea e que motivaron a apertura dun procedemento de infracción contra o Estado español en 2019 por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria.

Así, Miranda salienta que a sentenza dá a razón ao BNG cando denunciou que a liña fora inaugurada sen ter feito o control de riscos e que a responsabilidade do accidente non só podía recaer no maquinista, xa que os fallos na seguridade tamén tiveron unha implicación directa en que se producira o sinistro, o cal tivo como consecuencia un total de 81 persoas falecidas e ducias de feridas.

Precisamente Ana Miranda presentou dúas denuncias, en 2016 e 2017, contra o Estado español (Goberno, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Ferrocarrís, ADIF e Renfe Operadora). Por un lado, o BNG denunciaba o Estado español por infracción da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria, en canto a falta de avaliación de riscos da liña 082 pola que circulaba o tren Alvia, así como por non facer a avaliación de riscos en relación co seu control integral e en relación cos cambios substanciais na seguridade ferroviaria que se fixeron no proxecto da Liña Ourense-Santiago, tren Alvia de Viaxeiros de Longa Distancia 150/151 de Renfe Operadora, composto de 13 vehículos e nas condicións de posta en marcha de sistemas de seguridade do “proxecto na Bifurcación A Grandeira” e no longo da liña en especial no sistema de seguridade.

Investigación independente

Por outro lado, o Bloque denunciaba o incumprimento dos artigos 19.4, 21.1, 21.2 e 22.3 da Directiva 20004/49 do Parlamento e do Consello Europeo sobre seguridade ferroviaria, por considerar que non existiu unha investigación independente, polo feito de que non se deu audiencia ás vítimas e por centrarse nun suposto fallo humano ignorando calquera outra causa do sinistro. De feito, a propia Axencia Ferroviaria Europea (ERA) entregou no 2016 á Asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155 e ao BNG o informe que cuestionaba a independencia da investigación realizada pola CIAF e sinalaba que non abordaba os elementos clave do accidente. Ademais, en resposta ás preguntas presentadas por Ana Miranda á Comisión Europea, esta sigue considerando que é responsabilidade do Estado realizar unha investigación independente.

Responsabilidades políticas

Por outro lado, a eurodeputada nacionalista salienta que na sentenza é fundamental a condena ao Estado na figura do ex responsábel de Seguridade de ADIF, aínda que considera que as responsabilidades políticas reais están sen ser dirimidas. “Politicamente hai unha débeda que as vítimas, que debería recaer no ex ministro do PSOE José Branco e na ex ministra do PP Ana Pastor”, sinala Miranda.

A eurodeputada galega tamén sinala que o Bloque seguirá defendendo a realización dunha investigación independente “tal e como demandaba Bruxelas” e que a propia Comisión Europea considera que é o propio Estado quen debe garantir que se realice. Por outro lado, Miranda expresa a total solidariedade do BNG coas vítimas, que contaron co apoio da formación desde o primeiro momento do accidente e viaxaron en diversas ocasións a Bruxelas para dar a coñecer os fallos de seguridade ferroviaria nas institucións da Unión Europea (UE).

O PP lamenta que a sentenza "tardase tanto en chegar"

O portavoz do PP no Parlamento da Galiza, Alberto Pazos, trasladou o seu "máximo respecto" ante as decisións xudiciais, en referencia á sentenza publicada esta sexta feira sobre o accidente ferroviario de Angrois, aínda que lamentou que "tardase tanto en chegar", 11 anos despois do sinistro ferroviario.

Preguntado polos medios de comunicación nunha rolda de prensa, Pazos lembrou que "aínda cabe posibilidade de recurso" e expresou que todo o mundo esperaba que "chegase antes" o momento da sentenza, que condena a dous anos e seis meses de cárcere a Francisco Garzón, o maquinista do tren Alvia, e ao que foi director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por 79 delitos de homicidio e 143 delitos de lesións por imprudencia grave.

Aínda así, subliñou que espera que con esta resolución xudicial se dea unha "mínima satisfacción" ás familias das vítimas, aínda que recalcou que "dificilmente" van poder ser compensadas.