Ana Pastor, a ministra que manobrou na UE para frear o informe crítico do accidente de Angrois, abandona a política

Pastor deixa a súa acta de deputada no Congreso para pór fin así a unha dilatada traxectoria na primeira liña da política estatal.
A deputada do PP Ana Pastor. (Foto: Juan González / GomComStudios).
photo_camera A deputada do PP Ana Pastor. (Foto: Juan González / GomComStudios).

A ex ministra Ana Pastor, deputada do grupo popular por Pontevedra e presidenta do Congreso entre 2016 e 2019, anunciou esta sexta feira que deixa o seu escano para incorporarse ao ámbito das institucións profesionais sanitarias. Pastor pon así punto final á súa dilatada carreira política e á súa longa traxectoria como membro da Cámara Baixa dentro do Partido Popular.

"Cando se pon punto final a tantos anos de servizo público nas Administracións e no Parlamento vívense sentimentos encontrados, pero o máis intenso é o de gratitude cara o meu partido e os españois por permitirme ostentar un das maiores honras que se poden ter no noso país, como é presidir o Congreso dos Deputados", dixo Ana Pastor tras comunicar a súa decisión ao presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo.

Anos despois de deixar o Ministerio de Fomento transcendeu que manobrara na Unión Europea para tratar de frear o seu informe crítico co Goberno que daquela dirixía Mariano Raxoi en relación ao accidente ferroviario do Alvia en 2013.

A traxectoria de Pastor

Médica de profesión e deputada por Pontevedra desde o ano 2000, Ana Pastor Julián foi ministra de Sanidade con José María Aznar (2002-2004) e volveu ao Goberno con Mariano Raxoi como ministra de Fomento (2011-2016). Con Raxoi xa fora previamente subsecretaria nos Ministerios de Educación, Presidencia e Interior.

No Congreso foi vicepresidenta da Mesa en tres lexislaturas e estivo á fronte da Cámara entre 2016 e 2019. Empezouna presidindo con Mariano Raxoi de presidente do Goberno e acabou co socialista Pedro Sánchez no Executivo, tras a moción de censura de xuño 2018.

"O meu partido deume todo e eu deille o mellor de min mesma, tanto cando nos tocou xestionar os intereses dos españois á fronte do Goberno, como cando nos correspondeu traballar desde a oposición", comentou, nun comunicado difundido polo PP.

Como presidenta das Cortes, empeñouse en sacar adiante un Código de Conduta para os deputados, que anos despois non se cumpre do todo, e en aprobar un concurso de méritos para o Consello de RTVE, aínda que logo os partidos obviaron as notas do comité examinador independente e elixiron os conselleiros que estimaron oportunos.

Comentarios