O BNG di que os orzamentos do Estado son os dos ‘’incumprimentos con Galiza’’

Olaia Fernández Davila

Fernández Davila afirma que presentarán unha emenda á totalidade porque “seguen a ser unhas contas anti sociais, destinadas a cubrir a débeda mais non a satisfacer as necesidades dos cidadáns”.

Olaia Fernández Davila, portavoz do BNG no Congreso español, afirmou este mediodía após de coñecer os Orzamentos Xerais do Estado 2015 que hai tres cuestións “moi graves” nestas contas: a consolidación da perda dos dereitos sociais, do empobrecemento das maiorías socias e o feito de que son os orzamentos “dos incumprimentos con Galiza”.

Davila denunciou o baixo grao de execución dos Orzamentos enfatizando que “unha cousa é o que se pón sobre o papel e outra moi distinta ver os graos de execución das partidas a final de ano”. Ilustrou as súas declaracións cuns dados: segundo a previsión de investimento para 2014 do sector público empresarial en Galiza, inicialmente de 1.127 millóns de euros, só está previsto investir o 74 por 100 (834 millóns de euros), tal e como se pode comprobar no proxecto de orzamentos. Tildou as cifras proxectadas de “propagandísticas” e de “slogan publicitario” que non se corresponde coa realidade dos graos de execución.

Davila explicou que a sumatoria do programado para Galiza “danos unha cifra de 1.379 millóns, un aumento de só un 2,5% aproximadamente en relación ao ano pasado. Hai que ten en conta”, recalcou, que “Galiza perde peso no conxunto do estado ao pasar do 13,8 ao 12,4”, e falou dun orzamento estancado practicamente.

Avanzou asemade que o BNG presentará unha emenda á totalidade ao proxecto de Orzamentos do Estado para 2015 porque “seguen a ser uns Orzamentos anti sociais, destinados a cubrir a débeda pero non a satisfacer as necesidades dos cidadáns”.