Olaia Fernández Davila, portavoz do BNG no Congreso español, afirmou este mediodía após de coñecer os Orzamentos Xerais do Estado 2015 que hai tres cuestións “moi graves” nestas contas: a consolidación da perda dos dereitos sociais, do empobrecemento das maiorías socias e o feito de que son os orzamentos “dos incumprimentos con Galiza”.
Davila denunciou o baixo grao de execución dos Orzamentos enfatizando que “unha cousa é o que se pón sobre o papel e outra moi distinta ver os graos de execución das partidas a final de ano”. Ilustrou as súas declaracións cuns dados: segundo a previsión de investimento para 2014 do sector público empresarial en Galiza, inicialmente de 1.127 millóns de euros, só está previsto investir o 74 por 100 (834 millóns de euros), tal e como se pode comprobar no proxecto de orzamentos. Tildou as cifras proxectadas de “propagandísticas” e de “slogan publicitario” que non se corresponde coa realidade dos graos de execución.
Davila explicou que a sumatoria do programado para Galiza “danos unha cifra de 1.379 millóns, un aumento de só un 2,5% aproximadamente en relación ao ano pasado. Hai que ten en conta”, recalcou, que “Galiza perde peso no conxunto do estado ao pasar do 13,8 ao 12,4”, e falou dun orzamento estancado practicamente.
Avanzou asemade que o BNG presentará unha emenda á totalidade ao proxecto de Orzamentos do Estado para 2015 porque “seguen a ser uns Orzamentos anti sociais, destinados a cubrir a débeda pero non a satisfacer as necesidades dos cidadáns”.