O BNG avanza unha "ofensiva institucional" contra a suba do canon de Sogama

María Xesús López, Olalla Rodil, Rubén Arroxo e Iria Castro. (Foto: BNG)
A deputada nacionalista Olalla Rodil asegurou que os novos prezos fixados polo Executivo galego van “supor un grande esforzo para todos os concellos, especialmente para os concellos pequenos que contan cun baixo orzamento”.

O Bloque Nacionalista Galego informou esta cuarta feira en Lugo que inicia unha "ofensiva institucional" para rexeitar o incremento do canon de Sogama imposto pola Xunta da Galiza aos concellos galegos.

Neste sentido, a deputada nacionalista Olalla Rodil asegurou que os novos prezos fixados polo Executivo galego van “supor un grande esforzo para todos os concellos, especialmente para os concellos pequenos que contan cun baixo orzamento”.

Rodil, que compareceu acompañada da deputada provincial Iria Castro, do tenente de alcaldesa de Lugo, Rubén Arroxo, e da alcaldesa de Samos, María Xesús López, asegurou que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) aprobou a iniciativa do BNG unha proposta "para que os concellos non queden de lado e saiban o que teñen que pagar cada anualidade". 

"Soterrar e incinerar"

A parlamentaria indicou que o BNG rexeita o modelo de Sogama, "que o único que fai é soterrar e incinerar e que non prima que se poidan facer outro tipo de iniciativas como as que está indicando a Unión Europea".

Nesta dirección, asegurou que “desde finais do ano pasado a Xunta sabía o que ía recadar polo imposto de residuos, pero até despois das eleccións non anunciou a suba do canon aos concellos, alterando as contas municipais na metade do exercicio".

Arroxo, pola súa parte, afirmou que "os concellos realizan ano a ano un importante esforzo para cubrir as competencias que a Xunta deixa de lado".

A este respecto, criticou que "a mesma Xunta da Galiza que presume de baixar os impostos fai que os concellos, a administración máis próxima á cidadanía e que máis servizos presta, asuman sobrecustos polos servizos que deixan de lado", concluíu.