BNG, Fegamp e varios concellos amosaron o seu rexeitamento á suba do canon de Sogama

Materiais para reciclaxe en Sogama. (Foto: Europa Press)
O BNG rexeita a suba e chama á protesta local. Desde a Fegamp demandan a constitución dunha comisión de traballo e varios municipios xa alertaron das consecuencias da medida.

O BNG rexeita a nova suba do canon do lixo anunciada esta quinta feira por Sogama para 2025 que pasaría de 66 a 108 euros. Ademais, fixo un chamamento aos concellos para que protesten contra a "sucesión de sabrazos". 

Foi o deputado de Medio Ambiente, Luís Bará, quen  fixo esta sexta feira un chamamento á "rebelión democrática" contra esta "nova imposición" e este "ataque da Xunta" contra os concellos.

"A suba supón unha nova carga millonaria sobre unhas arcas municipais xa moi tensionadas polo déficit de financiamento e polo incremento das competencias, sen o necesario transvasamento de recursos", asegurou o deputado. Neste sentido, asegurou que é o momento de "dicir basta" e "plantar cara" ás decisións "unilaterais e abusivas da Xunta da Galiza".

A Fegamp apela ao diálogo

Desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o seu presidente, Alberto Varela, ven de enviar unha carta ao presidente de Sogama, Javier Domínguez, trasladándolle o “malestar” polo anuncio da suba e polas formas, ao non ter coñecemento previo da mesma, e reitera a proposta de “constitución dunha comisión de traballo para determinar as condicións do canon”.

Varios concellos rexeitaron tamén a suba. En Santiago, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, cualificouna de "escandalosa" mentres que en Vigo, Abel Caballero afirma que "coa suba paga o teatro Fraga". Tamén en Pontevedra, Lores afirmou que a medida sería "un sablazo".