Sogama quere subir o canon do lixo aos Concellos de 66 a 108 euros en 2025

Complexo de Sogama en Cerceda nunha imaxe de arquivo. (Foto: Sogama)
A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) prevé unha suba do canon aos concellos para 2025, que pasará dos 66 euros actuais a 108 euros. A Fegamp lembra que xa rexeitaba a suba de xullo.

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) prevé unha suba do canon aos concellos para 2025, que pasará dos 66 euros actuais, tras a realizada xa no mes de xullo, a 108 euros. Segundo confirmaron esta quinta feira fontes da Consellaría de Medio Ambiente, da que depende a empresa público-privada, o presidente de Sogama remitiu unha carta aos membros do Consello de Administración expoñendo esta situación.

Así, explican que no último ano e medio Sogama asumiu "en solitario e sen repercutilo aos concellos" un sobrecusto de 39 euros por tonelada de xestión dos residuos "polo impacto de decisións unilaterais do Goberno español". Entre elas, apuntan, estaría o imposto estatal sobre vertedura e incineración, a orde ministerial que elimina a retribución que recibía Sogama pola planta termoeléctrica de Cerceda e o imposto de produción de enerxía.

Tras actualizar o canon para 2024, lembran, "tratando de minimizar na medida do posíbel o seu impacto co Fondo de Cooperación Local —que deixou o canon de 2024 na mesma contía que a de 2023 para moitos concellos—, e dado que a situación non cambiou e parece que se vai a prolongar no tempo", Sogama realizou un estudo económico sobre o seu futuro. Os resultados obtidos, precisan, mostran que é "necesario" aplicar unha suba no canon que pagan os municipios, "xa que o actual apenas cobre a metade do custo real".

Por este motivo, a compañía propón unha suba na cota de até arredor de 108 euros por tonelada para 2025. A este respecto, indican que o custo real do servizo rolda actualmente os 120 euros por tonelada. Este aumento debe incluírse nos orzamentos de 2025 tanto de Sogama como da propia Xunta da Galiza.

A Fegamp rexeita a suba 

Fontes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) consultadas esta quinta feira por Nós Diario aseguran que esta entidade "xa rexeitaba a suba a 66 euros por tonelada" que se impuxo no mes de xullo. Neste sentido, cuestionan a medida por entender que "é a Xunta quen  recada e queda co imposto, e mesmo emprega o Fondo de Cooperación Local para atenuar a suba sen contar cos concellos".

Xa en xullo, a Fegamp consideraba que o que estaba a acontecer era "unha situación excepcional, derivada de que a Consellaría de Medio Ambiente non determinou nos orzamentos 2024 o prezo por tonelada a aboar polas entidades locais, e non publicou a resolución anual pola que se aproba a proposta de revisión do canon unitario que percibirá Sogama pola xestión de residuos domésticos ou urbanos no ano 2024". Por este motivo, o organismo entende que "todas as medidas extraordinarias a aplicar deberían evitar os graves problemas financeiros que isto podería supor para os concellos galegos".

Como alternativa á suba do canon, desde a Fegamp propoñen a Sogama e á Xunta que se empregue a contía total do Fondo Ambiental detraído do Fondo de Cooperación Local, baixo criterios de poboación e de toneladas por concello. A iso habería que engadir, apuntan, unha achega da Xunta por cantidade total recadada en concepto de imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración. Ademais, sinalan a necesidade de promover a redución da produción de lixo e trasladar esta rebaixa aos recibos da veciñanza e instaurar un programa de compostaxe domiciliario.