O BNG insta no Senado a rexeitar o proxecto de Altri tras o "clamor social" manifestado na Ulloa

A senadora do BNG, Carme da Silva (Foto: Nós Diario).
Segundo subliñou a senadora nacionalista, os criterios fixados no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia sinalan que os proxectos beneficiarios de axudas "deben contribuír a asentar economías máis sostíbeis e mellor preparadas para as transicións ecolóxica e dixital".

A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá esta semana unha moción no pleno do Senado español para instar o Goberno estatal a rexeitar a inclusión do proxecto de Altri no Perte de descarbonización, tras a manifestación multitudinaria e o "clamor social" contra o devandito proxecto expresado este domingo en Palas de Rei (A Ulloa).

Da Silva chamou ao resto de forzas políticas a apoiar ese clamor social e pedirá ao Goberno español que dea prioridade á preservación do medio natural e da actividade agrogandeira e marisqueira fronte aos intereses da multinacional, que pretende instalarse neste municipio "axudada por diñeiro público".

Segundo subliñou a senadora nacionalista, os criterios fixados no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia sinalan que os proxectos beneficiarios de axudas "deben contribuír a asentar economías máis sostíbeis e mellor preparadas para as transicións ecolóxica e dixital".

Por este motivo, entende que o Executivo español "non pode nin debe destinar diñeiro público para financiar proxectos como este, que afectan negativamente o ambiente e a protección da biodiversidade" e supoñen "un uso irresponsábel dos recursos hídricos".

O BNG pide que se dea prioridade á preservación ambiental e á protección da actividade socioeconómica, optando por proxectos que favorezan un desenvolvemento sostíbel na Galiza, "en lugar de financiar a instalación dunha pasteira que, certamente, causará un tremendo impacto ambiental e que está a xerar rexeitamento do conxunto da sociedade galega".

Nese sentido, a senadora do BNG pide que se revise "con rigor" o proxecto de Altri e que non poida optar a axudas do Perte nin a outras axudas directas ou créditos, á vez que lembrou que a manifestación deste domingo foi unha mostra de "dignidade" dun pobo "loitando polo seu futuro".

"As forzas políticas teñen que aclarar se están a favor de implantar o proxecto ou en contra, non vale a equidistancia. Xogámonos o futuro social, ambiental e económico do país", proclamou Carme da Silva.

Ademais, a senadora nacionalista engadiu que "mesmo o PP está a tempo de cambiar de posición" para antepor os intereses dos galegos e das galegas aos intereses de empresas que só queren "expoliar" os recursos e "deixar contaminación".