Besteiro cre que hai que "ir máis aló" de opinións persoais sobre Altri e manifesta a súa "confianza" no traballo dos técnicos da Xunta

Para Besteiro, é preciso que se aclare "que foi o que cambiou" sobre a actividade da planta, sobre o número de traballadores e traballadoras prometido ao que se prevé que xere a planta coa súa posta en marcha ou sobre a "viabilidade" da factoría máis aló dos fondos públicos que os seus promotores piden.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Arxina).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Arxina).

O secretario xeral do PSdeG, José Gómez Besteiro, afirmou que non lle "gusta" o proxecto de Altri na comarca da Ulloa mais cre que hai que "ir máis aló" de opinións persoais e reclamar que se dean "explicacións" sobre a iniciativa empresarial.

Así se pronunciou o responsábel socialista galego a preguntas dos medios esta segunda feira, un día despois da manifestación contra o proxecto decorrida en Palas de Rei (A Ulloa) e que estivo apoiada por formacións políticas como o BNG, Sumar, Podemos e Anova.

Besteiro, que apuntou que na marcha de Palas de Rei "había moitos socialistas", indicou que "non se trata" de expresar se "gusta ou non gusta" o proxecto. "Se alguén cre que con iso fixo o seu labor, está moi equivocado", apostilou.

Así, subliñou que a el, persoalmente, non lle "gusta" o proxecto "polo cambio que se experimentou" desde o seu anuncio ao que, segundo Besteiro, pretende Greenfiber levar a cabo, polo que considera que hai que "ir máis aló" e reclamar "explicacións".

Para Besteiro, é preciso que se aclare "que foi o que cambiou" sobre a actividade da planta, sobre o número de traballadores e traballadoras prometido ao que se prevé que xere a planta coa súa posta en marcha ou sobre a "viabilidade" da factoría máis aló dos fondos públicos que os seus promotores piden.

O socialista subliñou que "non é un proxecto exclusivamente privado" porque "se introduciron cuestións políticas" cando a Xunta da Galiza "presentou e apadriñou" o proxecto "aos catro ventos". Tamén porque Greenfiber reclama fondos públicos para pór en marcha a factoría, parte deles dos mecanismos europeos de reactivación e de descarbonización da economía.

Por iso, incidiu en que "aínda" se atravesa unha "fase" de aclaración do proxecto e manifestou a súa "confianza" no traballo dos técnicos da Xunta que, segundo Besteiro, tamén será "fiscalizado" polas forzas políticas como parte da súa "obrigación".

Comentarios