BNG pide un debate a dúas voltas nos meios públicos e en prime time

Goretti Sanmartín.

Un debate a dúas voltas en prime time entre Feijóo, Leiceaga, Villares e Pontón. Iso é o que pide o BNG para a xa inminente campaña eleitoral nos meios públicos galegos.

A proposta do BNG deuna a coñecer en conferencia de imprensa esta cuarta feira a coordenadora da campaña da formación nacionalista, Goretti Sanmartín. Ao seu xuízo, é "esperpéntico" que a estas alturas, a un mes das eleccións, o Bloque xa teña recibido convites para debates en meios públicos e privados non galegos e "continuemos sen saber nada" da televisión e da radio pública da Galiza.

"Queremos debates serios en formatos de máxima audiencia e non simulacros de debates en horarios intempestivos e nos que a maior parte da xente está a traballar", dixo a dirixente soberanista, quen advogou pola realización dun debate a "dupla volta" para que fiquen máis claras as distintas alternativas e propostas das diferentes forzas políticas.

O BNG pide tamén que se realicen debates entre os cabezas de lista das distintas circunscricións e non só entre a e os candidatos á presidencia da Xunta.

Goretti interpelou directamente a Feijóo, a quen pediu que "dea a cara" no debate e non se continúe a escudar detrás duns meios públicos galegos que, dixo, están a funcionar como o gabinete de imprensa do PP.