O BNG reclama ao PSOE "máis axilidade e maior concreción" para cumprir o acordo de investidura

Reunión de seguimento do acordo de investidura entre o BNG e o PSOE (Foto: Nós Diario).
Trátase da segunda reunión BNG-PSOE para avaliar as actuacións pactadas e recollidas no acordo de investidura.

O Bloque Nacionalista Galego mantivo a segunda reunión co PSOE para facer o seguimento do acordo de investidura e do grao de cumprimento das actuacións previstas. A fronte nacionalista constatou que "existen partes do acordo que están xa cumpridas mais sinalou que existen outras en proceso de cumprir e que mesmo algunhas, como as novas bonificacións da AP-9, non se fixeron aínda que xa se podían ter executado". Neste sentido, o BNG exixiu ao Partido Socialista "maior axilidade na execución e cumprimento dos compromisos acordados e máis concreción á hora de pór data e rematar as actuacións".

No marco de garantir a verificación dos termos recollidos no acordo de investidura conseguido polo BNG para a investidura, a fronte nacionalista mantivo unha segunda reunión cunha delegación do PSOE dando cumprimento á cláusula pactada entre as formacións que prevé xuntanzas de carácter cuadrimestral. Por parte do BNG, a delegación estivo formada polo deputado do BNG, Néstor Rego, a senadora nacionalista, Carme da Silva, e o membro da Executiva Nacional, Rubén Cela.

En termos xerais, a organización nacionalista constatou que existen partes do acordo de investidura que están cumpridas e mesmo que se están a cumprir segundo o estipulado -como a continuidade dos abonos de transporte en 2024 ou a suba maior das pensións- e apremou o PSOE a "desbloquear as actuacións que se poden executar de forma inmediata como é o caso das novas bonificacións da AP-9". O BNG sinalou que, neste sentido, a pesar de non estar aprobados os orzamentos de 2024 existe xa unha partida das contas prorrogadas "que permite a aplicación dos novos descontos a usuarios recorrentes".

En materia viaria e ferroviaria, o BNG comprobou "que se está avanzando en infraestruturas clave para a Galiza". Os viadutos da A-6, exemplifica o BNG, estarán rematados antes de finais de 2024, tal e como recolle o acordo, ao igual que existen actuacións para a mellora da seguranza viaria co obxectivo de eliminar diversos puntos negros das estradas do país: "actuacións valoradas en máis de 12 millóns para a A-52, obras de mellora nas N-540, N-120, N-550, N-634, N-525, N-640, N-541, etc".

O BNG tamén confirmou que, no relativo ao tren, o Goberno "está a tramitar a elaboración do estudo da implantación dun sistema de cercanías na Galiza". Na mesma liña, sinalaron o avance das actuacións para a modernización da liña Betanzos-Ferrol así como o impulso ao baipass de Betanzos, cuxo estudo informativo sairá a información pública neste ano 2024. "Tamén están iniciados os trámites para o estudo de viabilidade da conexión ferroviaria entre Santiago e Lugo", aseverou a formación.

"Grazas ao acordo de investidura, o Goberno do Estado aumentou o investimento para a construción da nova EDAR de Santiago de Compostela. Un compromiso xa asinado e materializado co Concello que aforrará 11,4M€ á veciñanza de Compostela", afirmou o BNG. Así mesmo, o Executivo español tamén aumentou o investimento no Consorcio de Santiago para os vindeiros anos e confírmase que a estación intermodal de Santiago pasarase a chamar Daniel Castelao -estando na fase final de tramitación-. Ademais, existe o compromiso do Goberno estatal para adecuar os espazos comúns para divulgar as obras artísticas, culturais e políticas do rianxeiro.

Impúlsase, evidenciou a fronte nacionalista, o desbloqueo do paseo marítimo entre Pontevedra e Marín e, do mesmo modo, comezan as obras en Pontevedra para a conexión coa Autoestrada do Atlántico, coñecida comunmente como a obra do nó de bombeiros.

En materia de lingua, a formación nacionalista sinalou que existen avances significativos recollidos, entre outras cuestións, en novas leis que se están a tramitar como a Lei Orgánica do Dereito de Defensa. "A nova lei, grazas ás achegas do BNG, permitirá presentar emprender accións legais en galego e noutras linguas oficiais diferentes do español, ante os órganos con xurisdición en todo o Estado", afirmou a forza política.

"Realizamos un seguimento de todas as cuestións que aínda non están cumpridas e coas que estamos e seremos especialmente exixentes co PSOE para que se leven a cabo", sinalou a organización nacionalista. Para algunhas delas, explicou o BNG, "é necesario un novo proxecto de Orzamentos que deberá recoller partidas específicas". Con todo, concluíu a formación, "existe vontade para executalas".