Pontón pide a Sánchez executar o acordo de investidura: "Non é tempo de escusas, é tempo de cumprir con Galiza"

A líder o BNG destacou no Consello Nacional deste sábado que a formación nacionalista se consolida como forza política á alza e como a única alternativa real de goberno ao PP.
Olalla Rodil, Ana Miranda e Ana Pontón no Consello Nacional do BNG decorrido este sábado 15 de xuño. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Olalla Rodil, Ana Miranda e Ana Pontón no Consello Nacional do BNG decorrido este sábado 15 de xuño. (Foto Nós Diario).

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que o 9-X fecha un ciclo electoral que consolida o BNG como unha forza política á alza que está no mellor momento da súa historia e que, en contra de todas  as voces "agoireiras interesadas", as urnas volveron dicir que "non ten teito", despois de que nos comicios europeos o Bloque obtivese o mellor resultado dos últimos 20 anos, logrando un escano na noite electoral da man de Ana Miranda.

 "Iso é o que pon dos nervios ao Partido Popular: o ascenso imparábel do BNG e saber que somos a gran esperanza de miles de galegos e de galegas que soñan e traballan por un país mellor", destacou Pontón na súa intervención no primeiro Consello Nacional tras as eleccións.

Segundo dixo, o PP está "desaforado" porque "por primeira vez desde 1999 temos escano en Europa na noite electoral, porque lle damos a Galiza un voz propia máis forte para defender os intereses do país, dos nosos sectores produtivos, das nosas rías, do noso territorio e un PP desaforado porque desde o minuto cero imos estar en Bruxelas para dicir si a industrializar Galiza, pero non a subvencionar con fondos europeos a desfeita de Altri", explicou.

Dereitos fronte ao odio

A líder nacionalista trasladou a súa preocupación polo avance da dereita e da extrema dereita, e salientou que fronte ao discurso de odio, intolerancia e militarista, o BNG ten máis forza para defender Galiza en Bruxelas e outro modelo de Europa, "a dos pobos, social e xusta e da paz".

Esta posición é "xusto" a contraria da que defende o PP "cada vez máis ultra, máis centralista e que traballa para as grandes multinacionais e as súas empresas amiga", recalcou.

Fronte aos discursos do medo, Pontón avogou, por unha axenda que reforce "os dereitos, as liberdades, o benestar e calidade de vida da clase traballadora e das maiorías". Servizos públicos e dereitos laborais fronte a austeridade e gasto militar.

Deberes para Sánchez e Rueda

Na súa intervención a líder do BNG puxo deberes tanto ao presidente do Estado como ao presidente da Xunta da Galiza. Tras o ciclo electoral, dixo en referencia a Pedro Sánchez,  toca executar o acordo de investidura. "Ten que deixarse de escusas, poñerse a gobernar e cumprir os acordos asinados co BNG a favor de Galiza; porque os retrasos non son co BNG, son coa cidadanía galega. Non é tempo de escusas, é tempo de cumprir con Galiza", porfiou.

Atender ese acordo é a única vía de colocar a axenda galega no Estado, destacou Pontón,  fronte a un Rueda "incapaz" de defender os intereses da Galiza.

Ao presidente do Goberno galego pediulle que convoque a comisión bilateral Galiza-Estado "para aproveitar ese acordo que garante a Galiza a mesma quita na débeda pública que calquera outra comunidade autónoma, que non actúe con visión partidista, senón con visión de país", apelou.

Apoio social

A portavoz nacional do BNG sinalou a súa formación é a única garantía en defensa dos intereses dos e das galegas, fronte á alternancia na discriminación co país que practican as forzas estatais, citando a AP-9 como exemplo. "Os argumentos que antes usaba o PP agora son repetidos sen rubor polo PSOE, incluído a escusa de que o rescate é inasumíbel despois de ter rescatado as radiais madrileñas pagando miles de millóns de euros".

Pontón reclamou para Galiza o que "outros levan desfrutando desde hai anos". Neste sentido o goberno alternativo que puxeron en marcha "desde o que estamos a facer un rigoroso labor de control e ofrecendo propostas para os retos que hai que encarar", destacando que o Bloque "é a única forza política capaz de poñer ao PP na oposición".

Para iso, concluíu, "temos que seguir ensanchando o BNG: somos fortes pero temos que ser máis aínda, coas portas abertas a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón;  seguir explicando as nosas alternativas para mellorar a vida das persoas e defender os intereses deste país".

Comentarios