O BNG urxe rectificar o nomeamento da nova directora xeral de Calidade Ambiental, "muller do director territorial de Ence na Galiza"

Luís Bará en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
O Consello da Xunta aprobou esta semana o o nomeamento de María José Echevarría Moreno como directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, en substitución de Ramón Martínez Boga.

O BNG considera "escandaloso e reprobábel" o nomeamento de María José Echevarría Moreno como directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, en substitución de Ramón Martínez Boga, xa que "é a muller do director territorial de Ence para toda a Galiza".

O deputado nacionalista Luís Bará censurou a decisión do Goberno galego. "Parécenos que estamos ante un claro caso de conflito de intereses, porque esta Dirección Xeral ten que intervir en asuntos do ámbito industrial e ambiental que lle afectan directamente ás actividades da pasteira e do seu marido, que foi director da fábrica de Lourizán e que na actualidade é xefe territorial de Ence na Galiza".

Segundo precisou Bará, Ence desenvolve a súa actividade no sector "enerxético-pasteiro" e a nova directora xeral de Calidade Ambiental da Xunta da Galiza "terá que intervir en procedementos que afectan directamente á empresa", como a autorización ambiental integrada das instalacións de Lourizán, o proxecto de interese autonómico de ampliación da mesma factoría, o pacto ambiental con Ence ou o novo proxecto industrial das Pontes, enumerou o deputado do BNG.

Ademais, engadiu, "tamén terá que intervir e informar sobre proxectos industriais de empresas da competencia de Ence", polo que o BNG rexistrou esta quinta feira un conxunto de iniciativas parlamentares "para que a Xunta dea explicacións no Parlamento sobre esta escandalosa decisión e tamén para que proceda a rectificar o nomeamento de Echevarrría", por se tratar, dixo, dun "caso claro de incompatibilidade e conflito de intereses".

Aprobado polo Consello da Xunta

A pasada segunda feira o Consello de la Xunta aprobou o nomeamento de María José Echevarría Moreno como nova directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade en substitución de Ramón Martínez Boga, quen accedeu ao cargo hai só catro meses e cesa "a petición propia", segundo asegurou o presidente, Alfonso Rueda.

Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria do corpo superior da Administración Xeral da Comunidade galega, Echevarría era até o de agora directora territorial da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude en Pontevedra.

A nova directora xeral de Calidade Ambiental xa exerceu como subdirectora de Calidade Ambiental e de Coordinación Ambiental.