23-X

'Nós Diario' entrevista as cabezas de lista ao Congreso por Ourense

Ana Belén Pérez (PP), Noa Presas (BNG), Marga Martín (PSOE) e Víctor Ferreiro (Sumar) (Foto: Nós Diario).

Nesta campaña electoral de cara ás eleccións estatais do 23 de xullo (23-X), 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ao Congreso e ao Senado polas catro circunscricións galegas para coñecer os seus programas e propostas. Hoxe é a quenda dos cabezas de lista ao Congreso pola circunscrición de Ourense que son Víctor Ferreiro (Sumar), Marga Martín (PSOE), Noa Presas (BNG) e Ana Belén Vázquez (PP).

A cidadanía dos concellos pertencentes á circunscrición de Ourense, ao igual que o resto da cidadanía galega, ten unha cita coas urnas o vindeiro 23-X. Nas anteriores eleccións estatais dos catro deputadas e deputados que se reparten nesta circunscrición, dous foron obtidos polo PP e outros dous polo PSOE.

Co obxectivo de coñecer de primeira man os programas e propostas das principais candidaturas, Nós Diario contacta coas persoas que encabezan as candidaturas dos principais partidos de cara ao 23-X.

Ana Belén Pérez: "Aspiramos a gañar con Núñez Feixoo, non queremos gobernar con minorías"

Comezan estas entrevistas coa candidata popular á Cámara Baixa, Ana Belén Pérez que explica as intencións e propostas do PP no caso de se faceren co Goberno do Estado. “Aspiramos a gañar e a gobernar en solitario, que sexa o presidente Feixoo co seu goberno, que só se deba aos españois”, afirma Pérez.

Noa Presas: "O voto ao BNG o 23-X vale dobre: para frear a dereita e para defender Galiza"

Pola súa parte, a candidata do BNG Noa Presas analizou na súa entrevista as propostas dos nacionalistas de cara a estes comicios estatais. “Hai unha tendencia á alza e convidamos todas as persoas que nos apoiaron nas municipais e nas galegas a que confíen en nós para defender os seus intereses en Madrid”, manifesta Presas.

Marga Martín: "Cun Goberno de PP e Vox perdemos todos e sobre todo perdemos as mulleres"

A candidata socialista ao Congreso é Marga Martín que explicou a Nós Diario as medidas que o PSOE propón no caso de manterse á fronte do Goberno español. "Este goberno fixo moito en políticas sociais, pero nunca se fai todo”, sinala Martín.

Víctor Ferreiro: "Non hai que apelar ao medo ao fascismo, somos mellores e somos máis que eles"

Víctor Ferreiro é a cabeza de lista de Sumar ao Congreso e na entrevista trata temas como os resultados do pasado 28-M e a estratexia de cara a estes comicios. “A xestión no Ministerio de Yolanda Díaz é incuestionábel, pero non podemos vivir do feito, hai que mirar cada a adiante e gañar un país para o futuro, fixar un plan de emprego especial para Galiza”, asevera Ferreiro.