Marga Martín (PSOE)

"Cun Goberno de PP e Vox perdemos todos e sobre todo perdemos as mulleres"

Marga Martín Rodríguez é a candidata número 1 do PSdeG ao Congreso por Ourense.
Marga Martín foi concelleira e alcaldesa interina de Ourense. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marga Martín foi concelleira e alcaldesa interina de Ourense. (Foto: Nós Diario)

—Dá vostede o salto da política municipal ao Congreso. Como tomou a decisión?
Pois si, levo no municipalismo 12 anos no Concello de Ourense, e agora os oito últimos sen cargo institucional pero traballando no partido. Os meus compañeiros entenderon que eu era a mellor candidata para encabezar a lista do PSdeG ao Congreso por Ourense e para min é unha honra e afronto estas eleccións con moita ilusión.  

—No Concello de Ourense foi responsábel de servizos sociais e a primeira muller alcaldesa. Como valora esta experiencia na carreira ao Congreso?
O meu paso pola Alcaldía foi un momento moi delicado, de moito sufrimento e presión. Sen dúbida o municipalismo é a mellor escola política que hai, eu son secretaria de Política Social na Executiva do PSdeG e se son deputada encantaríame que a miña responsabilidade no Congreso tivese que ver con esta materia.

—Vista a experiencia despois do 28-M cos pactos PP-Vox, que pode pasar logo do 23-X?
Un Goberno de PP e Vox suporía perder para todos, perder mesmo cousas que o actual Goberno ten garantidas por lei, como a suba das pensións co IPC. Pero se alguén perde nese caso seríamos as mulleres, en loitas superadas xa hai 20 anos. Por iso é moi importante o voto das mulleres nas vindeiras eleccións, que saibamos todas que nos estamos xogando moito.

—O PP ten feito dos pactos de Sánchez con Bildu un dos seus cabalos de Troia contra o Goberno. Faltou contestación por parte do PSOE?
Ás veces as cousas que semella que están claras, cousas que pensamos que son evidentes para todo o mundo, non teñen o seu reflexo por non telas explicado mellor no seu momento. Ese pacto con Bildu do que fala o PP non existe, este Goberno leva ao Congreso as propostas e os grupos parlamentarios votan. No caso da reforma laboral, Bildu e o PP votaron o mesmo, votaron en contra, e nós non dixemos que o PP e Bildu pactaron.

—O 24 de xullo se vostede se converte en deputada, que levará como primeiras iniciativas para que Galiza estea presente no Congreso?
Vivo en Ourense e gustaríame facer máis fincapé nas axudas ao turismo termal. Temos unha riqueza termal impresionante e creo que sería importante este tipo de iniciativas. Ademais, este goberno fixo moito en políticas sociais, pero nunca se fai todo. O PSOE triplicou o orzamento á dependencia e eu penso que hai que seguir facendo un esforzo e, no caso do SAF, para que os Concellos non teñan que facer tanto esforzo.

Comentarios