O concelleiro do PP de Ribadavia detido por violencia machista renuncia á acta e pedirá a baixa no partido

Juan Carlos Fernández, nunha fotografía de campaña de 2023.
O até agora concelleiro de Servizos Municipais en Ribadavia, Juan Carlos Fernández, presentou un escrito no rexistro municipal no que comunica a súa renuncia á súa acta de edil.

Juan Carlos Fernández vén de presentar un escrito no rexistro municipal no que comunica a renuncia aos seus cargos no Goberno local e á súa acta de edil, informou a dirección provincial do PP de Ourense.

O paso chega despois de transcender que o edil foi detido por mor dunha denuncia da súa ex parella. Os feitos que motivaron a acusación tiveron lugar o pasado domingo, cando o edil se presentou nun local no que a súa ex parella estaba co seu novo mozo. Alí comezou unha pelexa na que o agresor zarandeou e insultou a vítima.

Segundo informaron a Nós Diario fontes da Delegación do Goberno español na Galiza, a vítima denunciou os feitos á Garda Civil, que detivo o agresor na noite do domingo acusado dun delito de violencia de xénero.

O detido pasou esta terza feira a disposición da xuíza do Xulgado de Instrución nº1 de Ribadavia, que decretou a súa posta en liberdade con medidas cautelares.

A xuíza impúxolle a prohibición de aproximarse a menos de 300 metros e de comunicarse coa denunciante. De momento o caso continúa instruíndose, o concelleiro popular está investigado por un delito de violencia de xénero contra a súa ex parella, segundo confirmou a Nós Diario o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Condena da oposición

Tanto o BNG como Ribadavia en Común condenaron os feitos polos que está a ser investigado o concelleiro do PP. A formación nacionalista exixiu a súa dimisión, que Juan Carlos Fernández vén de formalizar.

En conversa con Nós Diario, os dous concelleiros nacionalistas de Ribadavia avanzaran que de continuar no seu cargo e asistir ás comisións municipais convocadas no Concello esta quinta feira "nós non iremos".

Pola súa parte, Ribadavia en Común salientou a "incompatibilidade" dos feitos denunciados "coa institución municipal e a representación cidadá", polo que pedía o seu cesamento.

"A mellor decisión"

Con estes precedentes, o PP De Ourense vén de anunciar que Juan Carlos Fernández deu o paso de renunciar á súa acta, do que informou previamente ao alcalde, o tamén popular César Fernández, que dirixe o Consistorio cunha maioría sustentada en sete de 12 concelleiros.

A formación provincial asegura que o até agora concelleiro entende que se trata "da mellor decisión para non danar a imaxe do Concello e do propio Goberno municipal, dada a situación xudicial na que se atopa".

Polos mesmos motivos, o PP de Ourense informa de que Fernández presentará a súa solicitude de baixa no Partido Popular, afirmando que "desexa ter toda a liberdade necesaria para afrontar esta situación e demostrar a súa inocencia, coa máxima colaboración coa xustiza".