Orde de afastamento e medidas cutelares para un concelleiro do PP de Ribadavia acusado dun delito de violencia de xénero

Juan Carlos Fernández foi detido o domingo tras agredir a súa ex parella.
Juan Carlos Fernández, nunha fotografía de campaña de 2023.
photo_camera Juan Carlos Fernández, nunha fotografía de campaña de 2023.

O concelleiro de Servizos de Ribadavia, Juan Carlos Fernández (PP) foi detido o pasado domingo por un suposto delito de violencia de xénero contra a súa ex parella.

O detido pasou esta terza feira a disposición da xuíza do Xulgado de Instrución nº1 de Ribadavia, que decretou a súa posta en liberdade con medidas cautelares.

Os feitos

A xuíza impúxolle a prohibición de aproximarse a menos de 300 metros e de comunicarse coa denunciante. De momento o caso continúa instruíndose, o concelleiro popular está investigado por un delito de violencia de xénero contra a súa ex parella, segundo confirmou a Nós Diario o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Os feitos aconteceron o pasado domingo, cando o concelleiro se presentou nun local no que a súa ex parella estaba co seu novo mozo, segundo confirmou. Alí comezou unha pelexa na que o agresor zarandeou e insultou a vítima.

Segundo informaron a Nós Diario fontes da Delegación do Goberno español na Galiza, a vítima denunciou os feitos á Garda Civil, que detivo o agresor na noite do domingo acusado dun delito de violencia de xénero.

Condena de BNG 

O BNG local condenou os feitos polos que está a ser investigado o concelleiro do PP e esixiu a súa dimisión polo menos até que remate a instrución e haxa un xuizo que esclareza o caso. En conversa con Nós Diario, os dous concelleiros nacionalistas de Ribadavia avanzaron que se o concelleiro do PP investigado asiste mañá [quinta feira] ás comións municipais convocadas no Concello "nós non iremos".

Tras coñeceren os "gravísimos feitos" que afectan a Juan Carlos Fernandez, desde Ribadavia en Común afiman nun comunicado que "o noso compromiso contra a violencia de xénero é firme e incuestionábel. Non é admiíabel que aínda non se deran explicacións por parte do Goberno municipal.

A información que transcendeu esta cuarta feira, sinalan "é moi grave e incompatíbel coa institución municipal e a representación cidadá. Débese protexer a imaxe do Concello como institución e casa común de todos os veciños e veciñas de Ribadavia. A información xudicial que se vén de publicar e o contido do xuízo rápido que xa tivo lugar, deixan claro que o concelleiro debe ser cesado", conclúen.

Comentarios