Rueda recúa e di agora que "non ve inconveniente" na taxa turística

O Concello lamenta que o presidente non acuda á reunión.

Alfonso Rueda e Goretti Sanmartín esta segunda feira (Foto: Arxina).
photo_camera Alfonso Rueda e Goretti Sanmartín nunha reunión anterior (Foto: Arxina).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, mostrouse esta terza feira aberto á aprobación dunha taxa turística e subliñou que non ve "inconveniente" en permitir o avance dunha medida deste tipo a nivel galego, aínda que subliñou que sería cada concello que a queira quen a instaure e se responsabilice da súa aplicación.

Até o de agora o único que formalmente realizou unha proposta respecto diso é o Concello de de Compostela, que dirixe a nacionalista Goretti Sanmartín, a quen, precisamente, segundo fontes do Goberno galego, convocaron para esta sexta feira para unha reunión co responsábel de Turismo da Xunta, Xosé Manuel Merelles.

O Goberno local de Compostela emitiu un comunicado no que confirma que se recibiu por correo electrónico unha invitación na Alcaldía na que se convocaba a un encontro, e agrega que Turismo da Xunta confirmou, ante a petición de "aclaracións", que se trataba "dunha reunión de traballo".

O Goberno compostelán mostrouse sorprendido de que non sexa a reunión "comprometida" con Rueda e incide en que entende que este asunto "é de máxima prioridade". "Supoñiamos que tiña a suficiente relevancia para que o propio presidente estivese neste encontro", agrega o comunicado. 

Pola súa parte, o presidente da Xunta da Galiza, tras ser preguntado esta terza feira expresamente sobre se rexeitará a medida que pide Compostela, replicou que el non ve "inconveniente" na aprobación dunha taxa turística, aínda que a súa aplicación se cinguiría aos concellos que a pidan, que terían que asumir as consecuencias, e deberíase cumprir con dúas condicións: que os recursos se destinen ao ámbito turístico e negociar co sector a forma de recadación.

Comentarios