A vendima avanza a pleno rendemento en todas as adegas da DO Rías Baixas con máis de 30 millóns de quilos de uva recollidos

A totalidade das adegas das cinco subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas xa están inmersas na campaña 2024.
Unha muller traballa durante a vendima en Meaño (O Salnés). [Foto: Elena Fernández / Europa Press]
photo_camera Unha muller traballa durante a vendima en Meaño (O Salnés). [Foto: Elena Fernández / Europa Press]

A totalidade das adegas das cinco subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas están inmersas na campaña 2024, caracterizada "pola gran calidade e o bo estado sanitario da uva", explican desde a DO.

Os primeiros traballos iniciáronse o 27 de agosto e, até a data, xa se recolleron 30.217.195 quilos de uva. Ademais, o departamento técnico xa está a pleno funcionamento para controlar a orixe e a calidade das uvas autóctonas que entran nas adegas elaboradoras, labor para a que contan cun total de 23 auditores.

"Destaca a gran calidade da uva, grazas a un agosto caloroso, que permitiu a súa óptima maduración, e tamén ao bo tempo de setembro, que está a axudar a que a vendima se desenvolva ordenadamente e con tranquilidade. Ademais, a uva á súa entrada en adega presenta un bo estado sanitario", indica Agustín Lago, director técnico da DO Rías Baixas.

Con todo, Lago asegura que, "de momento, é un pouco prematuro confirmar se finalmente se chegarán aos 41 millóns de quilos de uva que se estimaban no Informe de Estimación da Colleita 2024, presentado polo Órgano de Control e Certificación".

Como xa vén sendo habitual, as subzonas máis madrugadoras foron as situadas ao sur da Galiza, as de Condado do Tea e do Rosal. Neste momento, as adegas da denominación recollen as variedades brancas (levan 30.199.142 quilos), para logo dar paso ás tintas, cuxo ciclo vexetativo é máis longo e das cales até o de agora se recolleron un total de 18.053 quilos.

Recollida a man

Unha das características da vendima na DO Rías Baixas é que todas as uvas se recollen a man, polo que require de numerosa man de obra en momentos puntuais, como esta semana. Ademais, as normas de vendima obrigan os e as viticultoras a depositar as uvas en caixas de plástico alimentario de menos de 30 quilos para preservar a calidade até a entrada na adega.

O ciclo vitícola na campaña 2024 estivo caracterizado por un inverno moi cálido e húmido; unha primavera cálida e moi húmida, así como un mes de xuño normal e húmido. Isto provocou unha taxa de gromos de 92,7%, algo superior á do ano pasado, mais cun índice de fertilidade inferior, con 2,2 acios por xema. Estas diminucións da fertilidade nas plantas estímanse nunha media de 16%. 

Comentarios