O lume afoga Portugal: máis dun cento de incendios elevan a catro as vítimas mortais e a 40 as persoas feridas

A situación de alerta prolongarase, no mínimo, até a quinta feira.

Incendio forestar en Server do Vouga, distrito de Aveiro, rexión Centro de Portugal. (Foto: Diogo Baptista / SOPA Images via Z / DPA)
photo_camera Incendio forestar en Server do Vouga, distrito de Aveiro, rexión Centro de Portugal. (Foto: Diogo Baptista / SOPA Images via Z / DPA)

Portugal vive horas críticas. Máis dun cento de incendios forestais atinxen o centro e a rexión norte do país e a previsión, apuntan os expertos, é que gañen intensidade nas próximas horas debido a unha combinación de factores meteororóxicos.

Os ventos do leste avivaron as chamas nas últimas horas con ducias de incendios simultáneos que complicaron os labores de control e extinción dos fogos. Os medios portugueses informan dun incremento do número de vítimas. Xa son catro as persoas mortas, un bombeiro e tres civís e 40 as feridas, delas, 33 bombeiros.

Ademais, a virulencia do lume obrigou a desprazar a veciñanza ameazada polas lapas e a cortar varias estradas e mesmo algúns puntos da rede ferroviaria. Na maña desta terza feira permanece cortada a circulación na liña do Douro e do Vouga.

Portugal mantén 21 medios aéreos e máis de 5.000 operativos activos nas tarefas de extinción, nomeadamente no distrito de Aveiro, na rexión de Coimbra ou na área metropolitana de Porto.

O lume moi perto das casas en Server do Vouga, distrito de Aveiro, rexión Centro. (Foto: Diogo Baptista / SOPA Images via Z / DPA)
O lume moi perto das casas en Server do Vouga, distrito de Aveiro. (Foto: Diogo Baptista / SOPA Images via Z / DPA)

Reforzo aéreo desde Europa

A Unión Europea ha anunciado esta segunda feira a mobilización de oito avións anfibios para axudar nos labores de extinción dos incendios que afectan á rexión de Aveiro, no norte de Portugal.

Despois de activar as autoridades portuguesas o Mecanismo Europeo de Protección Civil, o bloque despregou oito medios aéreos, incluíndo avións da reserva estratéxica no Estado español, ademais doutros medios situados en Francia, Italia e Grecia.

"En resposta á petición de axuda realizada por Portugal para loitar contra os graves incendios forestais, estamos a mobilizar o despregamento de avións de loita contra incendios a través do Mecanismo de Protección Civil da UE", confirmou o comisario de Xestión de Crise, Janez Lenarcic, nunha mensaxe en redes sociais.

A situación non está fóra de control, si é moi complicada e complexa

Pola súa banda, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von de Leyen, resaltou o papel de Francia, Grecia, Italia e España ao ter unha rápida reacción fronte ao desastre natural en Portugal. "Isto é solidariedade da UE en estado puro", indicou noutra mensaxe.

"A UE apoia Portugal na súa loita contra os grandes incendios forestais. Estamos a mobilizar urxentemente oito avións de extinción a través do noso Mecanismo de Protección Civil para axudar aos primeiros intervenientes locais", subliñou.

As autoridades lusas han indicado que aínda que a situación "non está fóra de control", "si é moi complicada e complexa".

Comentarios