O BNG empraza Rueda a deixar o "servilismo" ao PP e a reunirse con Sánchez cunha "posición de país"

Finalmente, Pedro Sánchez reunirase esta sexta feira con Alfonso Rueda antes que con Moreno Bonilla. O Goberno español confirmou o cambio horario para axustarse á orde estatutaria.
Ana Pontón, esta quinta feira, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón, esta quinta feira, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a acudir á reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, cunha "posición de país" e non de "partido".

"Vendo as declaracións de Rueda é preocupante a actitude coa que vai, subordinación e servilismo a Madrid como nunca antes vimos", dixo en referencia ao PP, en declaracións aos xornalistas após unha reunión co reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e en relación ao encontro previsto para esta sexta feira.

Pontón incidiu en que o BNG negociou co PSOE, no acordo de investidura, que a Galiza "ten que ter a mesma quita que outras autonomías na súa débeda pública".

Quita de débeda

"Se o presidente do Goberno lle ofrece unha quita da débeda vai dicir si ou non ou vai negarse a tratar ese tema porque llo marcou Feixoo", preguntou Pontón despois de que Rueda asegurase que estaba disposto a "escoitar" a Sánchez sobre financiamento, pero sen "negociar" ou selar "acordos".

A respecto destas declaracións, a dirixente nacionalista emprazou o dirixente galego a aclarar "se está disposto, só por cumprir as directrices do seu partido, a renunciar a que os galegos teñamos quita da débeda, o que nos permitiría ter a disposición moitos millóns de euros para sanidade, educación ou atención á dependencia".

"É cuestión clave para non ir a outra cita que quede nunha foto e non traia nada para este país", aseverou Pontón quen demandou unha "posición de país" e non "de partido". "Pero iso require un diálogo e nin sequera levantou o teléfono para falar coa líder da oposición", remarcou.

Rueda antes que Moreno Bonilla

Por outra parte, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, recibirá Alfonso Rueda na Moncloa antes que o andaluz Juanma Moreno Bonilla.

Segundo informou o Goberno estatal, Sánchez empezará reuníndose co lehendakari vasco Imanol Pradales ás 10 horas e a continuación recibirá a Rueda, ás 12.30 horas, tras modificar a orde da recepción coa que iniciará a rolda de contactos cos presidentes e presidentas das comunidades autónomas.

Será a súa segunda reunión en Moncloa co presidente galego, a quen recibiu hai dous anos cando este tomou as rendas da Xunta de mans de Alberto Núñez Feixoo. Na mesma xornada Sánchez reunirase con Moreno, a partir das 16 horas.

Con este cambio de horario, as recepcións axústanse á orde estatutaria, xa que o presidente de Catalunya, Salvador Illa, a quen correspondería ser recibido antes que Galiza, non se inclúe na axenda deste 20 de setembro.

Comentarios