84% dos negocios turísticos da contorna de Altri cren que a pasteira lles restará clientes

O sector turístico dos concellos de Agolada (O Deza), Melide, Santiso (Terra de Melide) e Palas de Rei (A Ulloa) está convencido de que a implantación de Altri lles restará clientela. Ao tempo, certifica unha caída das reservas nos aloxamentos hostaleiros desde que se coñeceu a decisión de promover unha celulosa na zona.
Albergue de peregrinos en Arzúa, en xuño. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Albergue de peregrinos en Arzúa, en xuño. (Foto: Nós Diario)

A preocupación do sector turístico das comarcas do Deza, Melide e A Ulloa co proxecto de celulosa que a multinacional Altri pretende instalar en Palas de Rei (A Ulloa) é elevada. A este respecto, unha enquisa realizada por Xulio Blanco e recollida no traballo sobre o impacto de Altri no turismo elaborado polo catedrático do departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Xosé Santos conclúe que 84% dos aloxamentos turísticos de Agolada, Melide, Palas de Rei e Santiso consideran que Altri lles restará clientela.

A sondaxe suma unha mostra de cincuenta estabelecementos turísticos, unha cifra moi significativa tendo en conta que representan 27,1% do total deses catro concellos. 60% dos mesmos están emprazados en Palas de Rei, 32% en Melide e 4%, respectivamente, en Santiso e Agolada. Ao tempo, 28% son albergues, 26% pensións, 24% aloxamentos de turismo rural, correspondéndose os restantes con outras tipoloxías de aloxamento turístico.

Os estabelecementos turísticos, preguntados polo impacto que tería a celulosa de Altri no seu negocio, responderon nun 24% que habería unha “perda moderada de clientela”, nun 60% que a caída de clientes sería “importante”, nun 8% que habería “oportunidade para atraer nova clientela” e noutro 8% que “non me vai afectar”. Nesta dirección, Xosé Santos, un dos grandes especialistas da Galiza en materia turística, explica a Nós Diario que “a conclusión da enquisa é que a inmensa maioría dos estabelecementos están moi preocupados cos impactos de Altri”.

A enquisa interésase tamén polos “efectos inmediatos que están a acontecer co anuncio da instalación de Altri” nos estabelecementos turísticos da zona. Neste caso, 78% dos negocios recoñeceron “menos reservas e máis cancelacións” e 12% responderon que “non hai cambios, todo segue igual”. Ao tempo, o relatorio elaborado por Xosé Santos sinala que “en tres ocasións citan o cambio de perfil do cliente e un só estabelecemento falou de máis reservas”, que lembra que “a maioría dos aloxamentos están vinculados ao camiño Francés”. A opinión dos hostaleiros consultados para elaborar este relatorio, que fai parte do Informe sobre o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas presentado o 5 de setembro polo Consello da Cultura Galega, está en liña coa posición manifestada por diversas organizacións que agrupan os profesionais do sector turístico. Sen ir máis lonxe, a Asociación Galega de Albergues Privados, a patronal do sector que agrupa máis de 122 aloxamentos, xa ten manifestado o seu rexeitamento ao proxecto de celulosa.

A importancia do Camiño

A actividade turística na comarca está asociada, fundamentalmente, ao Camiño de Santiago. Neste sentido, Santos lembra que “a inmensa maioría dos estabelecementos e das prazas localízanse en Melide e Palas de Rei, non só por acolleren estas os principais núcleos de poboación, senón tamén pola influencia do Camiño de Santiago, que ten nas dúas vilas cabeceira de comarca o respectivo final e inicio de etapa. En consecuencia, os albergues, moi orientados aos peregrinos, representan un importante volume, que é practicamente o 50% no concello de Palas de Rei”.

O impacto do proxecto de Altri no Camiño de Santiago, co complexo agrogandeiro como principal motor económico da zona, preocupa a institucións, persoal técnico e empresariado turístico. Nesta liña, Icomos, organismo asesor da Unesco para os patrimonios da humanidade, indicou que “dentro da citada industria existen unha serie de elementos arquitectónicos e instalacións que terán un forte impacto na paisaxe que define a ruta xacobea e que, por tanto, si afectan en gran medida ao ben de Valor Universal Excepcional, e iso máis aló da propia natureza da actividade industrial que se desenvolva”.

Santos sinala que “a intervención da Unesco e Icomos pode chegar a ter consecuencias importantes non só sobre este sector do camiño, tamén sobre o seu conxunto”. Icomos xa reclamou a realización dunha avaliación independente de impacto ambiental que non se limite á zona de amortecemento, senón que considere un contexto máis amplo, atendendo ás metodoloxías internacionais existentes de obrigatoria aplicación”.

Informe independente

“Dado o carácter estratéxico que o Camiño de Santiago ten para Galiza, consideramos que é necesario un estudo específico e moito máis profundo que identifique aqueles impactos que poidan ser máis relevantes”, afirma Santos, quen considera “obrigado avaliar todos os riscos antes de autorizar unha instalación fabril dunhas dimensións suficientes como para modificar substancialmente o seu territorio de acollida”.

Alfonso Rueda critica Gómez Besteiro ao cuestionar Altri

As declaracións efectuadas o domingo polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, onde afirmaba que o proxecto de Altri “non nos gusta” aos socialistas e consideraba “imposíbel” que a celulosa sexa financiada con fondos públicos centrou a actualidade na xornada de política de onte. O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, criticou “como cambiou a postura do PSdeG” e indicou que agardaba que a postura de Gómez Besteiro “non sexa a opinión do Goberno central”.

Ao tempo,  a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, cualificou de “bochornosas” as palabras de Gómez Besteiro e ironizou sobre "o técnico Besteiro", de quen indicou que cumpre "as ordes que lle está dando Moncloa e o BNG, do que depende na comunidade autónoma". A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, parabenizou o dirixente socialista polo cambio de posición asegurando que “rectificar é de sabios”. O ministro de Economía, Carlos Cuerpo, presente onte na Coruña na presentación do informe do Foro Económico de Galicia, sinalou nunha publicación presentada por esta entidade en relación a Altri que “Europa non pode financiar nada que dane obxectivos ambientais”.  

Comentarios